PUBLICIDADE

Máis de 2.000 votos en tres días para elixir ao ‘Cociñeiro Galego 2026’

PorBisbarra

Luns, 13 Abril 2026 , , , ,
Andrés Torreiro do establecemento melidense D’Obra

O éxito de participación, con máis de 2.000 votos rexistrados nos tres primeiros días de votación, para elixir ao Cociñeiro Galego 2026 pon de manifesto “o enorme interese que esperta a gastronomía na nosa comunidade e sobre todo, o recoñecemento ao talento dos nosos chefs”, tal e como sinala Ana Trevisani, directora de Galicia Fórum Gastronómico, que se mostrou moi satisfeita coa resposta do público.

O certame, que naceu no marco do Fórum, chega á súa oitava edición estreando periodicidade anual e sede itinerante, sendo Vigo a primeira cidade elixida para a súa celebración, nunha gala que terá lugar o próximo mes de maio.

Para Trevisani, o éxito de participación tamén reflexa “o valor que o público dá á innovación gastronómica e os produtos de proximidade, e o respecto pola tradición culinaria”, confirmando a gastronomía como un dos grandes motores económicos e identitarios de Galicia.

PUBLICIDADE

Nesta edición, os finalistas elixidos polo xurado son Mar Lago e Álex Martínez (Bacelo, Ferrol, A Coruña), Antón Castro (Casa Gaibor, Guitiriz, Lugo), Andrés Torreiro (D’Obra, Melide, A Coruña), Marcos S. Area (é restaurante, Marín, Pontevedra), e Antonio Novas (Trasmallo, Pontevedra).

O gañador decidirase mediante un sistema mixto que combina, a partes iguais, a valoración dun xurado profesional e do público a través dos seus votos na web www.galiciaforumgastronomico.com, onde a votación permanecerá activa ata o 17 de maio. O nome do gañador darase a coñecer o próximo 26 de maio, no marco dunha gala na que os finalistas cociñarán en directo un prato.

O Premio Cociñeiro Galego conta coa colaboración da Paisaxe que sabe a través da Deputación da Coruña, Cervezas 1906 e o patrocinio de Gadis e Sammic.

En anteriores edicións, os gañadores foron Diego López (La Molinera, Lalín), Gorka Rodríguez (A Pulpeira de Melide, A Coruña), Jorge Gago (A Maceta, Santiago), Alén Tarrío (Pampín, Santiago), Moncho Méndez (Millo, A Coruña), Begoña Vázquez, de O Regueiro da Cova en Verín, e Víctor Basante, de Arrueiro, en Laxe.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.