PUBLICIDADE

Borja Verea: “o muro de Bonaval leva dous meses sendo a imaxe máis clara da xestión de Goretti Sanmartín”

Borja Verea en rolda de prensa

O líder do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, asegurou hoxe en rolda de prensa que “hai imaxes que non precisan explicación” e sinalou que “o muro de Bonaval leva dous meses sendo a imaxe máis clara da xestión de Goretti Sanmartín á fronte do Concello”.

Verea advertiu de que “cando pasan dous meses sen dar resposta a un problema nun dos lugares máis emblemáticos da cidade, o que se evidencia é unha desconexión total coa cidade”. “Bonaval non é un parque máis, é un símbolo de Santiago, un espazo que forma parte da identidade da cidade, da vida diaria dos santiagueses, do que somos”, engadiu.

O popular apelou ao sentimento de cidade ao sinalar que “se es de Santiago, Bonaval non é só un parque, sabes perfectamente o que significa: ese pequeno milagre, sen estridencias, sen ruído, e coas torres da Catedral asomando por riba dos tellados”. Neste sentido, incidiu en que “para un santiagués, Bonaval non precisa explicación, e se algo define a unha cidade é como coida o que é seu”.

PUBLICIDADE

“Non ten explicación que dous meses despois do derrubamento do muro, a imaxe que se proxecta sexa a da inacción, a desidia e a falta de resposta”, criticou, ao tempo que lembrou que “pasaron semanas nas que a cidadanía segue vendo o mesmo: un muro caído, unha zona degradada e un goberno que non foi quen de dar unha resposta á altura”.

“Nin urxencia, nin planificación, nin capacidade de reacción. Isto vai moito máis alá dunha obra concreta”, advertiu Verea, quen insistiu en que “isto fala dunha maneira de gobernar, dun modelo no que as prioridades non están claras, no que o importante queda relegado e no que se perde o pulso real da cidade”.

O líder popular foi claro ao afirmar que “dous meses foi tempo suficiente para declarar a emerxencia e reconstruír e rehabilitar o muro, moito máis tratándose dun ben patrimonial protexido BIC”. “Estamos a falar dun elemento que é patrimonio 100% do Concello, con responsabilidade e titularidade 100% do Concello”, subliñou.

“Non será que, como sempre, están esperando a que outros lles resolvan o problema? Estarán esperando a que o arranxe a Xunta de Galicia?”, preguntouse, para concluír que “o problema xa non é o muro, é unha cuestión política directamente ligada á maneira de gobernar de Goretti Sanmartín”.

Neste sentido, criticou “esa indolencia, esa desidia, e esa tendencia a botarlle a culpa a outros, habitualmente ao Partido Popular, cando o problema xa non se pode ocultar”.

Verea reclamou explicacións á alcaldesa: “Debe explicar por que Bonaval non foi unha prioridade desde o minuto un, por que un dos espazos máis queridos de Santiago leva dous meses sen solución”. “Querer unha cidade non é dicilo nos discursos, é demostralo con feitos: actuar rápido cando algo falla, coidar o patrimonio e entender que hai lugares que forman parte da alma colectiva e que non poden quedar esquecidos durante semanas”, engadiu.

O popular insistiu en que “dous meses é tempo suficiente para declarar a emerxencia, reconstruír e rehabilitar, é o que eu faría como alcalde”, e reiterou que “a responsabilidade deste muro é 100% do Concello, non pertence a ningunha outra administración: a propiedade é do Concello e a solución ten que vir da alcaldesa e do seu equipo de goberno”.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.