A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou as actuacións levadas a cabo nos concellos de Arzúa e Toques ao abeiro da orde de Turismo de Galicia para actuacións de mellora de Infraestruturas Turísticas para concellos de ata 10.000 habitantes. Neste senso, a representante do Goberno autonómico destacou que estes municipios recibiron cada un 30.000 euros, no caso do concello de Arzúa para acondicionar a área de descanso na baixada á Fervenza das Hortas e o no de Toques para levar a cabo a sinalización de rutas de sendeirismo e a instalación dun panel informativo.
Belén do Campo explicou que a intervención en Arzúa de acondicionamento da área de descanso situada no inicio da baixada á Fervenza das Hortas, unha intervención que contou co apoio do Goberno galego e que mellora de forma significativa este espazo natural de gran valor paisaxístico e turístico.
A actuación desenvolveuse nun punto estratéxico, ao carón do núcleo das Hortas e limítrofe co concello de Touro, que constitúe ademais un paso obrigado dentro do roteiro da fervenza. A delegada destacou que esta intervención permite dar resposta ás carencias existentes, xa que o espazo presentaba mobiliario deteriorado e carecía de zonas axeitadas de parada e estacionamento.
No marco do proxecto, levouse a cabo a mellora do acceso dende a estrada provincial mediante traballos de limpeza de gabias e da superficie do viario, así como o rebacheo e acondicionamento do firme con tratamento asfáltico na totalidade da plataforma.
Así mesmo, habilitouse unha nova zona de aparcadoiro na parte alta do acceso, executada con zahorra compactada e delimitada con valado de madeira, co obxectivo de facilitar o estacionamento e ordenar o uso do espazo.
A intervención completouse co acondicionamento integral da área de descanso, dotándoa de novo mobiliario de madeira, incluíndo mesas con bancos, un banco illado, un panel informativo e papeleiras, así como a instalación dunha pérgola. Ademais, realizáronse traballos de limpeza e preparación dos noiros e reforzouse a integración paisaxística coa plantación de árbores en toda a área.
Durante a visita, a delegada puxo en valor esta actuación, sinalando que “permite mellorar a experiencia das persoas visitantes e ofrecer un espazo axeitado nun enclave natural de gran atractivo, ao tempo que se contribúe á súa conservación e posta en valor”.
Finalmente, destacou o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas e dos espazos públicos no rural, apoiando actuacións que fomentan un turismo sostible e que contribúen ao desenvolvemento económico e social dos concellos galegos.
No caso de Toques esta iniciativa combina a posta en valor do territorio coa incorporación de solucións innovadoras, contribuíndo a reforzar o atractivo de Toques como destino turístico. Neste sentido, subliñou a importancia da sinalización de rutas de sendeirismo, executada mediante a instalación de frechas direccionais e postes de madeira tratada, perfectamente integrados na contorna e adaptados á normativa das rutas PR-G. En total, colocáronse 25 flechas de dirección en madeira, 25 postes de madeira de 250×10 e 115 postes de madeira con sinais de 120×10.
Así mesmo, a actuación completouse coa instalación de dúas pantallas LED de última xeración en puntos estratéxicos do municipio, deseñadas para ofrecer información turística actualizada tanto á veciñanza como ás persoas visitantes. Estes dispositivos permiten difundir contidos de alto valor engadido, como imaxes e vídeos dos principais recursos naturais, patrimoniais e culturais de Toques.
A delegada puxo en valor as funcionalidades destas pantallas, que inclúen información multilingüe, actualización en tempo real sobre eventos e servizos, así como a integración de ferramentas interactivas como mapas dixitais e códigos QR. Ademais, destacou o seu papel na promoción dos produtos locais e do turismo rural, contribuíndo á dinamización económica do municipio.
Finalmente, incidiu no compromiso da Xunta de Galicia co desenvolvemento do rural e coa valorización dos seus recursos, apoiando iniciativas que contribúan a xerar oportunidades económicas e a fixar poboación no territorio.
A actuación visitada constitúe, en definitiva, un exemplo de como a colaboración institucional e a innovación tecnolóxica poden ir da man para impulsar o turismo local e reforzar a identidade dos concellos galegos.
Con esta liña de axudas Turismo de Galicia beneficiou, no 2025, a 67 concellos galegos de menos de 10.000 habitantes, con 2 millóns de euros e na provincia da Coruña foron 16 axudas as achegas concedidas por un importe de case 470.000 euros. Concretamente, nas comarcas de Arzúa e Melide recibiron estes apoios 5 municipios, ademais de Toques e Arzúa , os concellos de Santiso, Touro e O Pino por un importe total de 150.000 euros.



