PUBLICIDADE

A Xunta anima a solicitar o Bono Remuda con ata 30.000 euros de axuda

No marco da orde única de axudas ao sector, remarca o incremento do Bono Remuda nun 20 %, ata os 1,5 M€, que pode solicitarse ata o 30 de setembro e que ofrece achegas tanto a quen asume o negocio como a quen o traspasa por mor da xubilación

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe en valor o conxunto de medidas impulsadas pola Xunta para favorecer a remuda xeracional no tecido autónomo, destacando un enfoque como Administración facilitadora que combina o apoio económico ao colectivo, como a orde única dotada de 40,7 M€,  o apoio da Rede de polos e o desenvolvemento da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio. Así o sinalou esta mañá na inauguración do II Congreso Nacional de Remuda Xeracional, organizado por UPTA, onde estivo acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez.

Na súa intervención, o conselleiro subliñou que afrontar o reto da remuda xeracional é clave no actual contexto demográfico e que require medidas integrais, coordinadas e eficaces que permitan garantir a continuidade de negocios viables e seguir fortalecendo o tecido autónomo galego, que representa preto do 19,3% das afiliacións, case catro puntos por riba da media estatal, sendo a segunda CCAA con maior peso do colectivo. Ademais, subliñou que emprender non sempre implica comezar de cero, senón aproveitar negocios en funcionamento que xeran actividade e emprego.

Neste sentido, e no marco do paquete unificado de axudas ao emprego autónomo, González destacou o impacto do Bono Remuda, que precisamente incrementou a súa contía nun 20% este ano ante a elevada demanda e que ten prazo aberto ata o 30 de setembro. Segundo explicou, este instrumento, que contempla axudas de ata 30.000 euros, estrutúrase en dúas liñas —Bono Remuda rural e Bono Remuda xeral— e permite cubrir ata o 75% do custo do traspaso, con achegas tanto para quen asume o negocio como para quen o traspasa por xubilación, co obxectivo de facilitar a continuidade de negocios rendibles e con arraigo no territorio.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.