A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, achegáronse esta mañá ata a escola unitaria de Vilarrube, pertencente ao colexio rural agrupado (CRA) O Esquío. Alí, a directora, Paula Curto, mostrolles a organización e funcionamento deste centro educativo. Segundo apuntou Aneiros, trátase dun “exemplo das potencialidades das escolas rurais dentro do sistema educativo galego”.
O CRA de Valdoviño está constituído actualmente por tres escolas unitarias: Vilarrube, Lago e Taraza. Xuntas aglutinan un total de 56 alumnos e alumnas no presente curso.
Durante a visita, a delegada interesouse polo proxecto educativo que se desenvolve nas aulas de Valdoviño. Así mesmo, destacou as vantaxes deste tipo de agrupamentos que posibilitan unha acción educativa coordinada, cun plan de centro e unha programación común. Puxo ademais en valor a optimización dos recursos materiais e humanos, incrementando a implicación dos 9 mestres cos que conta o colexio en proxectos de innovación e de formación, entre outros.



