PUBLICIDADE

Medio Rural inviste máis de 150.000 euros na Peroxa

PorBisbarra

Mércores, 23 Abril 2025 , ,
Medio Rural colaborou cunha achega de case 66.000 euros para a creación do punto de información do Museo do Lebre.Medio Rural colaborou cunha achega de case 66.000 euros na creación do punto de información do Museo do Lebre.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitaron o Concello da Peroxa. Alí foron recibidas polo alcalde, Manuel Seoane, e coñeceron diversas iniciativas apoiadas pola Consellería. Así pois, estas pretenden contribuír ao desenvolvemento das zonas rurais cun investimento de máis de 150.000 euros.

Neste sentido, a conselleira visitou o Museo do Lebre. Trátase dunha proposta de recuperación etnográfica para revalorizar a figura do Lebre de Casarizas, un artesán multidisciplinar e inventor que trouxo a innovación ás tarefas do campo.

As instalacións contan cun punto de información para ofrecer asesoramento aos visitantes, así como datos doutros lugares de interese turístico no municipio. A través da intervención Leader, Medio Rural colaborou cunha achega de case 66.000 euros, xestionada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Adercou, para a súa posta en marcha.

PUBLICIDADE

A conselleira aproveitou a ocasión para poñer en valor este tipo de achegas. A maiores, sinalou que en breve se publicará unha nova convocatoria das axudas para a execución de operacións de apoio de terceiras persoas, dotada cun orzamento de 12,6 millóns de euros, ao abeiro da intervención Leader no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-27.

Nesta liña, a convocatoria inclúe o Bono Activa Rural, polo que se apoiará a creación de actividades non agrarias nestas contornas. Cunha achega máxima de 18.000 euros, suporá o compromiso do cumprimento do plan empresarial que garanta a viabilidade, polo menos, durante cinco anos.

Ademais, salientou a repercusión “moi positiva” que teñen este tipo de proxectos sobre o tecido socioeconómico das zonas rurais. Así, fixo fincapé en que favorecen a mellora das condicións para crear e manter emprego nestes espazos e contribúen á súa dinamización, impulsando a economía e asentando poboación.

Mellora de camiños

A conselleira do Medio Rural visitou tamén algúns dos camiños que se mellorarán ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026. Neste caso, actuarase en Ferradal, O Val, O Souto, Corvelle-Gueral e Corneda-A Touza. O investimento total achégase aos 70.000 euros.

Gómez resaltou a relevancia deste programa, dotado con 19,5 millóns de euros na convocatoria 25-26, para financiar as actuacións de mellora e mantemento dos camiños municipais que dan acceso a parcelas agrícolas. Por iso, fixo fincapé en que as infraestruturas viarias son vitais para xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo nestas zonas.

Finalmente, a representante autonómica resaltou que a Consellería do Medio Rural destinou preto de 20.000 euros para un proxecto de construción de rede de saneamento en Gueral.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.