O Partido Popular de Cedeira mostrou o seu “total apoio aos traballadores do Concello que levan anos reclamando o que lle corresponde por lei”. Neste sentido, os populares levan tempo denunciando a problemática do cadro de persoal municipal. Reclaman actuacións urxente ante a súa situación e definen as demandas das persoas traballadoras como “fundamentais”. Así pois, o PP cedeirés lamenta que o Goberno local leve anos de atraso na aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT).
Entre estas demandas salientan a consolidación dos postos de traballo, unhas condicións laborais xustas e salarios axeitados. Segundo indica o grupo popular, as reivindicacións afectan a servizos esenciais como o de axuda a domicilio, os servizos sociais, a limpeza, o mantemento ou o persoal administrativo e auxiliares.
Dende o PP de Cedeira lembran que a falta de avances por parte do Goberno local levou á representación sindical a iniciar mobilizacións, coa colocación dunha pancarta fronte ao consistorio, pegada de carteis e convocatoria de manifestacións. Neste sentido, lamentan que “a pesar de que o PSOE e o BNG inclúan estas melloras nos seus programas electorais, a situación segue sen resolverse, pese a ser unha obriga legal que teñen que cumprir”.




