O Campionato Provincial Xogade terá lugar este domingo 27 de abril, e os participantes saen das probas clasificatorias disputadas previamente nos concellos de Valdoviño e Santiago de Compostela
Uns 300 deportistas disputarán, o vindeiro domingo 27 de abril, o Campionato Provincial Xogade de dúatlon escolar de Narón, segundo informaron durante a presentación da cita deportiva o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla; o presidente da Federación Galega de Triatlón (Fegatri), Javier Campos, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero.
O Campionato Provincial Xogade de dúatlon escolar, que promove a Secretaría Xeral para o Deporte en colaboración co Concello de Narón, comezará as 10:30 horas, desenvolverase na zona do Polígono das Lagoas e no que competirán os deportistas que superaron as probas clasificatorias disputadas previamente en Valdoviño e Santiago de Compostela.
O presidente da Fegatri, Javier Campos, agradeceu a implicación do Concello de Narón e do Náutico de Narón para organizar este Campionato Provincial Xogade de dúatlon escolar na cidade. Pola súa banda, o concelleiro de deportes destacou a importancia de convocar este tipo de campionatos e a colaboración entre as diferentes administracións e entidades deportivas para poder levalas a cabo.
Ademais, Ibán Santalla lembrou que esta fin de semana será intensa para o Náutico de Narón, que o sábado pola tarde participará na piscina da Gándara na quinta xornada da liga benxamín e alevín, coa presencia tamén do CN Ferrol, Marina Ferrol, CN Cedeira.