A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou o Concello de Toques para comprobar os traballos executados para controlar a erosión e mellorar as infraestruturas forestais existentes, concretamente en case 11 quilómetros de dez pistas danadas polos incendios do pasado verán, cun investimento de 47.000 euros. Destacou que esta é unha das moitas labores de restauración que se están a desenvolver por parte do Goberno galego para recuperar as zonas afectadas.
Neste sentido, detallou que se realizaron tarefas de consolidación de solos e redución de escorrentía superficial, a través da técnica de acolchado de palla, coñecida como mulching, en zonas prioritarias identificadas polo CSIC en Ourense e Lugo; así como o acondicionamento de pistas forestais, a limpeza de cunetas ou a instalación de albarradas por toda Galicia. No seu conxunto, salientou que todas estas actuacións supuxeron un investimento de preto de 1,6 millóns de euros.
Tamén lembrou que se tramitaron 13 expedientes de restauración hidrolóxico-forestal, con especial atención á provincia de Ourense; e que se desenvolveu un plan de alleamento de madeira comercial que abrangue máis de 6.200 hectáreas, cun volume global superior aos 930.000 m3 cun prezo de adxudicación de case 13,5 millóns de euros.
A partir de agora traballarase na identificación das zonas onde será necesario acometer investimentos específicos de restauración forestal, dirixidos a reforestar zonas sen capacidade de rexeneración natural. Tamén se manterá un seguimento continuo do estado fitosanitario do arborado, co fin de detectar con rapidez posibles riscos derivados da debilidade das masas tras os incendios.




