A iniciativa de educación social Palabra e Memoria, que estuda o patrimonio documental dos cemiterios galegos, acaba de dar a coñecer os primeiros resultados: contrariamente ao que “a priori” se pensaba, nos camposantos dos 313 concellos de Galicia existen modelos de inscricións funerarias en lingua galega. A análise é xa completa en 16 termos municipais (6 na Coruña; 5 en Lugo; 4 en Pontevedra; e 1 en Ourense).
Na provincia da Coruña, o primeiro traballo de campo sistemático -con todos os parámetros esixidos- foi realizado polo profesor Jerónimo Martínez, que visualizou os panteóns de 2905 familias e rexistrou un 1’6% de uso da lingua galega para a lembranza das persoas falecidas. Posteriormente, outras persoas fixeron o mesmo en Cerdido (4’17%), Vilarmaior (0’96%), Miño (0’65%) e Laxe (5’5%)
En Melide, o sexto concello da provincia da Coruña co censo xa completo, a mestra e investigadora local Socorro Cea contabilizou un total de 3004 propiedades funerarias, distribuídas en 30 cemiterios, e observou son xa 169 familias -5’6%, o máximo da provincia- as que colocaron inscricións en lingua galega. Segundo a docente que realizou o traballo, o proceso iniciouse en 1981 no cemiterio do Castelo, onde na actualidade o modelo innovador é seguido por 62 das 509 familias (12%). En Furelos,
no de titularidade municipal, de 500 familias optaron polo galego 26, o que representa un 5,2%); a porcentaxe é inferior no de titularidade parroquial, onde se decantaron polo noso idioma 5 das 177 familias (2,8%).
Os lugares en que se supera a media son o Barreiro (10%), Maceda (9%), As Cazallas (8’5%) e San Salvador e San Cosme de Abeancos (6’5%). Pola súa parte, as porcentaxes máis baixas rexístranse en Baltar, Folladela, Santalla de Agrón e Zas de Rei (todas entre o 1 e o 2%). Nos pequenos camposantos de Orois e Pedrouzos, con 64 e 17mpanteóns respectivamente, aínda non entrou o galego escrito.
A investigación realizada por Socorro Cea demostra que en Melide se reflicte de maneira exacta o que ocorre no resto de Galicia. Palabras tan importantes como “fillos” e “netos” nas inscricións de recordo aos familiares falecidos son cada vez máis visibles nas placas que os recordan; e a súa recuperación “desde cero” está agora protagonizada por todos os sectores sociais. Os resultados melloran substancialmente nestes últimos dez anos (entre 2015 e 2025), en concordancia co que se aprecia no mapa elaborado polo xornalista David Canto Veiga e dado a coñecer en outubro de 2024 polo Consello da Cultura Galega.



