O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, e a concelleira Carme Liñeira presentaron esta mañá a programación da 19ª Foliada de Melide, que se celebrará os días 25 e 26 de abril e que volverá converter a vila nun punto de encontro arredor da música tradicional galega.
Durante a presentación, o rexedor destacou o papel que xoga esta celebración dentro da cultura popular galega e o ambiente que se xera na localidade durante os dous días do festival, nos que centos de foliadeiros e foliadeiras participan nas distintas actividades programadas.
José Manuel Pérez comezou a súa intervención agradecendo o traballo da Asociación Cultural e Musical O Castelo, “os e as artífices de que esta idea tomara forma no ano 2005 ata conseguir ser unha das celebracións musicais de referencia en Galicia”. O alcalde tamén recoñeceu o apoio das entidades colaboradoras e das persoas voluntarias que cada ano contribúen á organización da Foliada.
A punto de cumprirse dúas décadas do seu nacemento, o rexedor puxo o acento na orixe popular desta celebración, lembrando que se trata dun evento que “naceu do propio pobo de Melide e do acervo que sempre houbo na vila arredor da música tradicional”.
José Manuel Pérez destacou tamén o ambiente que caracteriza a Foliada. Neste sentido, sinalou que “son días de festa nos que se convive, se intercambia con xente coñecida, descoñecida, grupos, amigos, familias… Todo o mundo se leva ben con todo o mundo e iso fai da Foliada un éxito colectivo sen parangón”.
O alcalde reafirmou ademais o compromiso do Concello coa continuidade desta celebración, subliñando que “a Foliada forma parte xa da nosa identidade e queremos que siga medrando sen perder a esencia coa que naceu e a forza que ten detrás”.
Pola súa banda, a concelleira Carme Liñeira foi a encargada de presentar polo miúdo a programación desta edición. Segundo explicou, o programa mantén as actividades máis representativas desta cita e incorpora propostas pensadas para públicos moi diversos.
Neste sentido, destacou que “os cantos de taberna, o serán, as mostras de baile tradicional ou a mostra de artesanía son os ingredientes perfectos para que esta receita siga funcionando con éxito ano tras ano”. Liñeira subliñou tamén que a programación inclúe concertos, animación de rúa, actividades culturais e propostas familiares co obxectivo de que a música tradicional volva ocupar as rúas da vila durante toda a fin de semana.




