Unións Agrarias pide que as axudas anunciadas polo presidente da Xunta de Galicia para apoiar con 150 millóns aos produtores no incremento de custes derivados da guerra en Irán, sirvan para complementar as deficiencias que presenta o paquete de medidas presentado polo Ministerio de Agricultura.
A organización agraria destaca que a estrutura da produción en Galicia condiciona que a práctica totalidade da explotación de viñedo e a de horta non poidan acollerse a liña de axudas do Goberno por non acadar a superficie mínima da que deben de dispoñer, unhas 4,5 Ha. Do mesmo xeito as ganderías que non teñan superficie territorial como as de porcos ou polos, tampouco se verán contemplados a pesar de ser uns dos grandes afectados da suba de pensos e da enerxía da que son grandes consumidores para a climatización das naves.
Na gandería extensiva de bovino, ovino ou cabrún non se recibirán compensacións cando estean vinculadas unicamente a pasto. E o mesmo ocorre coa apicultura, un sector sempre maltratado polas importacións chinas, os incendios e agora a suba dos combustibles en plena campaña de transhumancia das colmeas.
Tal e como apuntan dende UUAA, a estrutura territorial das granxas en Galicia fixo que no paquete de axudas que se habilitou no comezo da guerra en Ucraína para compensar as subas do fertilizantes, -e similar ao que vén de anunciar o ministro Planas-, so o 1% dos beneficiarios fora produtores galegos que recibiron o 0,5% dos fondos destinados por parte do Ministerio de Agricultura. Para evitar que se volva a repetir esta situación desde UUAA lémbrase que Xunta de Galicia ten maior coñecemento do modelo produtivo polo que debe de adecuar as medidas para que ningún produtor quede fora.
Apuntan que, a forte suba de insumos non ten ido da man dunha suba dos prezos que os produtores perciben e iso é algo que debe mudar de inmediato para garantir o futuro dun sector estratéxico para o rural galego que cada ano perde músculo pola constante caída e peche de explotacións. Unións Agrarias lembra a vital importancia de contar con ferramentas oficiais de cálculo dos custos de produción. E reivindica a implicación da administración autonómica e estatal á hora de establecer con claridade liñas vermellas que permitan erradicar a venda a perdas; así como para impulsar.



