A alcaldesa do Concello de Teo, Lucía Calvo de la Uz, sufriu onte un escrache á saída do Pleno Municipal por un grupo de manifestantes que, horas antes, se agrupaban diante da Casa Consistorial para manifestarse pola ubicación da Xestora de Residuos inertes da Construción, convocados pola Plataforma STOP Planta de Residuos – Cacheiras – Aldeas Limpas.
A rexedora municipal tivo que ser escoltada ata o seu vehículo pola Policía Local, antes os insultos e increpancias dos manifestantes. Unha situación que a rexedora municipal cualificou como desagradable, pois no propio Pleno sinalou que entende perfectamente o malestar da veciñanza pola situación desta planta pero que a Lei Galega do Solo avala por cumprir os requisitos e insistiu en que “se fora por min, esa planta non se instalaría nese punto senón que se ubicaría no futuro polígono industrial”, deixando claro a súa postura ao lado da veciñanza. Sobre o acontecido á saída do Pleno, “aceptamos as manifestacións e protestas pacíficas pero nunca os intentos de agresión a persoas, nin verbais nin físicas”, declarou Lucía Calvo de la Uz.
Fontes municipais lembran que o Concello de Teo non tivo potestade algunha para autorizar a Xestora de Residuos inertes da Construción que se ubicará no lugar da Torre, parroquia de Cacheiras. Trátase dunha competencia exclusiva da Administración autonómica onde o Goberno local non pode emitir ningún tipo de informe vinculante. Esta empresa conta con autorización ambiental da Administración autonómica e así se lle trasladou aos veciños nunha xuntanza mantida na Casa Consistorial o pasado 26 de febreiro. Unha planta que se pretende implantar en solo rústico, tal e como permite a Lei Galega do Solo no seu artigo 35 “usos e actividades en solo rústico”, apartado “m”, o cal estipula que se permitirán as instalacións e infraestruturas públicas ou privadas para a xestión e tratamento de residuos inertes en solo rústico.




