PUBLICIDADE

Melide presenta a 34ª Festa do Melindre, que reforza a animación nas rúas e o programa de actividades

Presentación hoxe na praza do Convento da vindeira edición da Festa do Melindre

O Concello de Melide presentou a programación da 34ª Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional, que se celebrará os días 9 e 10 de maio, cun programa que incorpora máis actividades e reforza a animación nas rúas ao longo de toda a fin de semana.

Na presentación participaron o edil de Comercio, Xosé Igrexas; a concelleira de Política Social, Carmen Liñeira, xunto a melindreiros e melindreiras da vila.

Dende o Concello destacan a importancia dunha celebración que forma parte da identidade de Melide e que cada ano atrae a milleiros de persoas. “A Festa do Melindre é unha oportunidade para poñer en valor a nosa repostería tradicional e o traballo das persoas que manteñen vivo este saber facer”, sinalou Igrexas.

PUBLICIDADE

Considerada a festa máis doce de Galicia, esta cita gastronómica é das máis importantes da comarca e unha das de maior proxección en toda a comunidade, especialmente desde que no ano 2013 foi declarada Festa de Interese Turístico Galego. A celebración rende homenaxe aos tres produtos que identifican a repostería tradicional melidense: os melindres, os ricos e os amendoados.

A festa naceu coa intención de protexer e poñer en valor a forma tradicional de facer repostería en Melide e na súa comarca, transmitida de xeración en xeración e que hoxe continúa viva nos fornos da vila. A primeira edición organizouse no ano 1991 por iniciativa do Concello.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.