O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, informou hoxe dun novo proxecto no ámbito deportivo, tras a aprobación por parte da Xunta de Goberno Local, das obras de mellora no complexo polideportivo Javier Gómez Noya, cun investimento de máis de 525.000 euros.
“Imos mellorar as prestacións da piscina climatizada, priorizando as necesidades esenciais de operación, accesibilidade, salubridade e eficiencia enerxética”, avanzou.
Rey Varela destacou tamén que “a falta de mantemento nesta instalación, provocou un notable deterioro funcional e estético dos espazos como os vestiarios, duchas e aseos”. Neste senso, engadiu que “este Goberno municipal está comprometido co deporte”, recordando o proxecto da Cidade do deporte, que contempla tanto a creación de novas infraestruturas como a mellora das xa existentes, co obxectivo de ofrecer instalacións dignas, seguras e adaptadas ás necesidades actuais.
“Estamos a falar dun investimento importante que non só mellora o día a día dos clubs e usuarios, senón que tamén aposta pola eficiencia enerxética e a sustentabilidade”, afirmou.
INTERVENCIÓNS PREVISTAS
Entre as principais melloras destaca a instalación dunha bomba de calor aire‑auga específica para produción de ACS, que permite garantir unha temperatura estable durante puntas de demanda, reducir o consumo eléctrico e diminuír as emisións indirectas.
Así mesmo, a piscina contará cun sistema de automatización e control de dosaxe química, en cumprimento do Decreto 119/2019, do 19 de setembro, polo que se regulan os criterios hixiénico‑sanitarios das piscinas de Galicia. Este sistema permitirá unha xestión automática ou semiautomática segundo o parámetro medido, incorporando tamén un sistema multiparamétrico con medición continua de cloro libre, pH e turbidez.
No relativo á climatización, manterase a unidade existente no recinto de piscinas, que se atopa en bo estado, mentres que nos vestiarios se substituirá o sistema actual por unha nova unidade de tratamento de aire con recuperación de calor, mellorando a eficiencia e a calidade ambiental.
Ademais, actuarase nas instalacións de saneamento, coa instalación de duchas temporizadas e antivandálicas, renovación da rede e mellora da evacuación de augas.
Na zona do vaso da piscina, renovaranse os alicatados con materiais de maior calidade e durabilidade, eliminaranse elementos que dificultan a ventilación e substituiranse pavimentos por superficies antiescorregadizas nos aseos.
NOVO MOBILIARIO E ILUMINACIÓN
O proxecto inclúe a instalación de cabinas sanitarias modulares e a renovación dos elementos de lavabos con materiais en aceiro inoxidable, máis resistentes e hixiénicos.
En canto á iluminación, substituiranse as 24 luminarias halóxenas do pavillón por sistemas LED de alta eficiencia, con acceso sectorizado e dispositivos de control (detectores de presenza/ temporización), que permitirán reducir o consumo e facilitar o mantemento.
Así mesmo, procederase á impermeabilización da cuberta metálica na zona dos acumuladores, mellorando a conservación da instalación. O orzamento total para este proxecto é de máis de 525.000 euros e o prazo de execución é de tres meses.
O alcalde afirmou que “este é un paso máis na nosa folla de ruta para modernizar as instalacións municipais, tras anos de abandono, e garantir que os ferroláns dispoñan de espazos deportivos á altura do que merecen”.
Neste momento, está en fase de licitación outra importante actuación na Casa do Deporte, na que se invertirán máis de 190.000 euros.




