O Concello de Teo acometeu ao longo deste verán diversas melloras estruturais nos centros escolares de cara o novo curso, co fin de que o alumnado puidera comezar con todas as garantías e nas mellores condicións posibles.
Así, no Centro de Educación Infantil e Primaria Plurilingüe dos Tilos procedeuse ao arranxo da rampla e das escaleiras de acceso á entrada principal, así como o muro traseiro e o portal que dá acceso a esa zona. Procedeuse tamén ao cambio de canlón do patio cuberto e a renovación de todas as tapas dos retretes, billas, cisternas e varias luminarias. O rocódromo foi acondicionado e tamén se mudaron todas as lousas por unhas novas.
No CEIP Plurilingüe da Ramallosa habilitouse unha aula completa con falso teito e pintouse de novo, así como outra aula para o profesorado de audición e linguaxe e de pedagoxía terapéutica con traballos de carpintería e pintura. Retiráronse todas as reixas das ventás para favorecer as saídas en caso de emerxencia e colocouse a tarima nunha aula completa de infantil. Outra obra moi demandada polo propio centro foi a mellora do desaugadoiro na cociña. Tamén se repuxeron as tapas dos retretes, billas e cisternas de todo o centro.
No CEIP A Igrexa-Calo cambiouse o pararraios, posto que estaba danado. Reparáronse os portais e realizouse unha obra de desaugadoiro novo na zona exterior do baño das nenas. Arranxáronse varios elementos do parque infantil e repuxéronse as tapas dos retretes, billas, cisternas e persianas de todo o centro.
No tocante ás escolas do Colexio Rural Agrupado, tamén se levaron a cabo numerosas melloras. Entre elas, cabe destacar o cambio de toda a tarima na unitaria de Raxó, onde tamén se está a cambiar a cuberta do areeiro e varios canlóns. Na Casalonga levouse a cabo a reparación da fachada e executouse o mural acorde a todas as escolas do CRA. En Reis instaláronse varias tomas de auga e retiráronse varios elementos do patio estaban en mal estado.
Na unitaria de Recesende colocáronse novas pantallas, proxector e cableado; ademais de pintar todas as aulas. Por último, en Solláns retirouse o mobiliario vello e reparáronse os cristais que o precisaban, así como a tubaxe da calefacción. Tamén se vai a proceder ao pintado de toda a sede. Na biblioteca “O Peto de Lucho”, situada no Aido, cambiouse o retrete e colocouse un novo xogo no patio exterior.
Os operarios municipais levaron a cabo o mantemento e limpeza das zonas axardinadas de todos os centros escolares teenses, acondicionando tamén os areeiros e tallando as árbores danadas. Do mesmo xeito, en todos e cada un dos centros se está procedendo á revisión das caldeiras e dos canlóns de cara ao vindeiro outono, para minimizar os posibles atascos de follas e outras posibles incidencias.
No tocante ao Instituto de Educación Secundaria Cacheiras, o seu mantemento non é competencia do Concello pero si que se procedeu á limpeza das cunetas e do acceso ao centro.