A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, defenderá no pleno municipal desta semana unha proposición orientada a garantir alternativas de estacionamento e mellorar a mobilidade na contorna de Salgueiriños ante o anuncio da Xunta de Galicia de desenvolver na súa parcela desta zona un proxecto urbanístico con 224 vivendas de promoción pública e unha residencia xuvenil de 150 prazas.
Rosón sinala que este anuncio chega “despois de máis dunha década e media de gobernos do Partido Popular sen desenvolver políticas ambiciosas de vivenda pública en Santiago”, unha situación que contribuíu a agravar ano tras ano o problema de acceso á vivenda na cidade. A pesar diso, considera que a construción destas vivendas protexidas “é unha actuación benvida e necesaria para Santiago”.
Porén, a concelleira advirte tamén dos impactos que este desenvolvemento terá sobre a contorna urbana, especialmente pola desaparición do actual aparcadoiro de autocaravanas e autobuses de Salgueiriños, situado na parcela da Xunta ao carón da Administración de Facenda. Segundo explica, esta situación obriga ao Concello a anticiparse e planificar solucións alternativas que permitan manter un servizo “especialmente relevante para a mobilidade da zona norte da cidade e para o turismo itinerante”.
Neste sentido, Rosón lembra que as concelleiras Non Adscritas xa trasladaran esta preocupación durante a negociación dos orzamentos municipais, incorporando expresamente a proposta de crear un aparcadoiro disuasorio na zona norte da cidade coa colaboración doutras administracións para a súa planificación, financiamento e execución.



