PUBLICIDADE

O Concello de Ferrol renova o convenio coa Xunta e a Fegamp para o control e retirada de niños de velutina

Os bombeiros de Ferrol retiraron o ano pasado preto de 70 niños, que supoñían un alto risco para as persoas

A Xunta de Galicia, con motivo da problemática xerada polo avance da avespa asiática na nosa comunidade autónoma, puxo en marcha un Programa de vixilancia e control fronte a esta especie no ano 2014, co fin de minimizar a súa incidencia sobre as producións apícolas e sobre a seguridade cidadá. O Concello de Ferrol leva adheríndose a este programa desde o seu inicio, e no 2024 foi o primeiro ano no que todos os concellos da comunidade autónoma se adheriron.

O programa inclúe fundamentalmente actividades relacionadas coa detección precoz de niños mediante avisos a través do 012 e 112 e o control e eliminación/neutralización de niños sempre que sexa posible.  Ademais, de potenciar o portal de internet https://www.eidolocal.gal/portada impulsando a súa capacidade como canle de comunicación permanente coas entidades locais de Galicia para dar información actualizada sobre as actuacións en materia de avespa velutina.

En febreiro de 2020 a Xunta de Galicia e a Fegamp, co obxecto de redobrar esforzos e centralizar recursos na loita contra o avance desta especie invasora, asinaron o convenio entre a entón denominada Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Fegamp para establecer a coordinación de actuacións no desenvolvemento do Programa Galego de Vixilancia e Control fronte á avespa asiática. Isto implicou para a administración autonómica a asunción da coordinación de actuacións para a retirada e destrución dos niños de velutina no territorio galego coa colaboración cos concellos adheridos, ofrecendo unha actuación profesional e eficaz.

PUBLICIDADE

O presente convenio estenderá a súa vixencia desde a data da súa sinatura ata o 30 de decembro de 2026.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.