O pleno do Concello de Moeche aprobou a distribución dos máis de 339.000 euros dos fondos do Plan de Obras e Servizos, POS+2025 e Plan Adicional da Deputación da Coruña. Así, deuse luz verde por unanimidade en sesión extraordinaria, cos votos do BNG e PP.
No POS+2025 a Moeche correspóndenlle 339.518,70 euros para investimentos e gasto corrente. Entre POS+2025, POS 3 Adicional e POS Social, a administración local recibe preto de 450.000 euros, aos que se sumarán posteriormente os fondos do POS+ Complementario.
O Goberno local optou por dedicar o total da achega directa do ano 2025 ao sostemento económico de servizos básicos, como son o gasto en iluminación pública ou os custes do abastecemento domiciliario de auga potable. Esta partida suma un total de 174.462,17 euros.
INVESTIMENTOS
No tocante á partida de investimentos, o Concello de Moeche destinará 165.056,53 euros do POS inicial en dous proxectos centrais. Por unha banda, a pavimentación de camiños en Vilazanche, Casanova, Finlle, Requiá, Loureiros, Balocos, O Piñeiro e A Cruz, cun orzamento de 95.519,43 euros.
Pola outra banda, executarase a ampliación rede de saneamento en San Xiao, na parroquia de Labacengos, cun investimento de 69.537,10 euros.
Na distribución de fondos provinciais tamén hai que contar co que depara o Plan Complementario, que a Deputación dotará economicamente ao longo do ano. A proposta do Goberno local aprobada en pleno recolle tres proxectos por importe de 169.025,05 euros.
En primeiro lugar, a substitución da cuberta do anexo do local social do Pereiro, en San Xurxo, cun importe de 42.590,64 euros. Con esta actuación preténdese garantir que a veciñanza poida desenvolver actividades en boas condicións, así como evitar a deterioración actual que xera gastos de mantemento continuos. A intervención consistirá na dotación dunha nova cuberta, retirando o material de amianto actual.
En segundo lugar, construiríanse vestiarios no campo de fútbol de Moeche, cun investimento de 79.533,60 euros. A localización dos mesmos será debaixo das gradas construídas con cargo ao POS+2019.
Finalmente, investiríanse 46.900.81 euros no subministro e colocación de equipamento para mellora de parque infantil en San Ramón.
POS+ GASTOS SOCIAIS
No caso de Moeche, a achega do POS+ Social sitúase nos 35.472,10 euros, que se adicarán a gastos sociais, como o servizo de podoloxía ou as axudas ao subministro de enerxía.
POS+ 3/AD REDUCIÓN DE DÉBEDA
Este ano establécese unha liña POS+ 3AD, que se pode dedicar a investimentos se non se ten unha débeda coa Deputación. No caso de Moeche, recibiranse 60.809,32 euros para amortizar a débeda coa Deputación da Coruña, acordo que se aprobou por resolución da Alcaldía. Destinarase a pagar a débeda bancaria derivada da expropiación dos terreos sobre os que se construíu a actual casa do concello e os xuros derivados da sentenza xudicial recaída sobre a incorrecta expropiación.