PUBLICIDADE

Cedeira ampliará a piscina municipal co apoio da Deputación

A reforma da piscina municipal de Cedeira contempla a ampliación do vaso a 25 metros, fronte aos 16 metros do actualA reforma da piscina municipal de Cedeira contempla a ampliación do vaso a 25 metros, fronte aos 16 metros do actual

O Concello enviou a memoria técnica da reforma e ampliación da piscina municipal á Deputación, que contempla a ampliación do vaso para que teña unha distancia de 25 metros

O Concello de Cedeira remitiu, hoxe 5 de febreiro, a memoria técnica da reforma e ampliación da piscina municipal á Deputación Provincial da Coruña. Unha memoria que supón un importante paso para a sinatura dun convenio de colaboración entre ambas institucións para dotar á localidade dunha piscina de 25 metros, superando as limitacións do vaso actual, de 16,20 por 8,3 metros.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, lembrou que o Concello aprobou por unanimidade no 2023 a reclamación da nova piscina de 25 metros con financiación a tres bandas: autonómica, provincial e municipal. Mais a Xunta de Galicia non respondeu a unha reclamación cuxa moción esgrimía a antigüidade da instalación, inaugurada hai 34 anos, e aos éxitos deportivos do Club Natación Cedeira.

“O deporte é un sinal de identidade” de Cedeira, reivindicou a corporación. Porén, “temos que expresar a nosa decepción coa Xunta, porque pasaron máis de 400 días desde que solicitamos unha entrevista sen ter resposta”, dixo o alcalde, que agradeceu a colaboración da Deputación da Coruña co Concello para facer realidade, a través da ampliación da actual piscina, unha demanda histórica da veciñanza.

PUBLICIDADE

Segundo explicou o rexedor, a ampliación e reforma das instalacións da piscina consistirá en desprazar a fachada leste do inmoble actual para facer un vaso de 25 por 11,6 metros, ademais da realización de melloras no que respecta ao funcionamento enerxético da instalación.

Ademais, o proxecto de ampliación da piscina incluirá a rehabilitación enerxética da cuberta e da fachada oeste. A nova fachada leste será de vidro illante e permitirá o paso da luz natural. Nos laterais levantaranse muros de formigón para soportar a nova cuberta. A instalación contará, por último, con novos equipos de depuración da auga, renovación do aire e da iluminación. O resultado será unha piscina con máis espazo para nadar e máis confort para as persoas usuarias, así como unhas instalacións con menos consumo de enerxía e máis eficiente.

No 2024 usaron á piscina 1.086 persoas

No 2024 foron un total de 1.086 as persoas que participaron nas actividades y deportes que se desenvolven na piscina: 220 en baño libre, 442 en natación infantil (0 a 6 anos), 61 en natación adultos; 118 en ximnasia acuática; 32 nas sesións de saúde na auga para adultos e natación para embarazadas; 15 de Apader; 180 do Club Natación Cedeira e 18 do Stage Federación Galega de Triatlón. A instalación ten ademais 50 persoas en lista de espera, ás que cabería sumar aquelas que xa non se inscriben pola saturación da mesma.

O custo das obras nas instalacións da piscina municipal ascende a preto de 550.000 €, dos que a Deputación pagaría 300.000 euros. O Concello asumiría importe restante (250.000 euros), xunto co desenvolvemento do proxecto.

O convenio que está previsto asinar para levar adiante esta importante actuación na piscina, súmase ao que xa acordaron Concello e Deputación para renovar o pavimento e o marcador electrónico do polideportivo municipal, unha actuación que tivo un orzamento de 187.000 euros e do que a Deputación custeou tamén o 80 por cento.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.