PUBLICIDADE

Moeche, segundo piloto galego de comunidade enerxética local de CELRURAL

Moeche acadou a puntuación máis alta dos 22 concellos que se presentaron ao proceso de selección.Moeche acadou a puntuación máis alta dos 22 concellos que se presentaron ao proceso de selección.

O Concello de Moeche foi seleccionado para desenvolver o segundo piloto en Galicia do proxecto CELRURAL. O obxectivo é implementar enerxías renovables en zonas rurais mediante comunidades enerxéticas locais.

A comunicación oficial efectuouse nunha reunión celebrada na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), como socia do proxecto. Nela participaron a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, e Pablo Álvarez, do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG). Pola FEGAMP participaron a súa secretaria xeral, Patricia Vilán, e a técnica de proxectos europeos, María Lamelas.

Na reunión avaliouse o proceso seguido para esta selección, na que participaron unha trintena de concellos. Destes, vinte e dous manifestaron o seu interese en participar no proceso de selección. Para iso tiveron que achegar información sobre o compromiso cas comunidades enerxéticas locais, a infraestrutura existente e a implicación de tecido económico e social local. Tamén se comprobou a condición de concello en transición xusta e participante no reto demográfico, a localización da futura instalación e a participación na convocatoria anterior do proxecto.

PUBLICIDADE

O proceso rematou coas entrevistas aos concellos que presentaron as propostas máis axeitadas, acadando Moeche a puntuación máis alta. A continuación, na recente xornada de seguimento do proxecto CELRURAL celebrada en Ávila, adoptouse a decisión de que fose Moeche o segundo concello galego en desenvolver o piloto de comunidade enerxética local. O primeiro foi Xermade, que xa foi seleccionado o ano pasado.

O Concello de Moeche celebrará unha xuntanza en xuño para comezar a desenvolver unha folla de ruta exhaustiva cun orzamento de 50.000 euros. Esta englobará iniciativas técnicas para a monitorización do consumo eléctrico e os coeficientes de reparto, a formación dos socios locais participantes, a promoción e a difusión do proxecto. Prevese que estea rematado no final do primeiro semestre de 2026.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.