PUBLICIDADE

Ferrol licita a urbanización da fase 1 da rúa Rubalcava

PorBisbarra

Mércores, 21 Maio 2025 , , ,
A urbanización da rúa Rubalcava realizarase en dúas fases.A urbanización da rúa Rubalcava realizarase en dúas fases.

O Concello de Ferrol sacou a licitación a fase 1 da urbanización da rúa Rubalcava, dende María ata avenida do Rei. As empresas teñen ata o 16 de xuño para presentar as súas ofertas. O proxecto conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros.

Trátase dunha actuación financiada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do convenio de transformación urbana firmado co Concello de Ferrol. “Avanzamos noutro proxecto fundamental para o centro da cidade”, declarou o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela. Con este proxecto, preténdese dar unidade ao conxunto da urbanización, mellorar a escena urbana e o espazo público existente.

FASE 1 DA URBANIZACIÓN DA RÚA RUBALCAVA

A obra levarase a cabo en dúas fases. A fase 1 comprende a prolongación da rúa Rubalcava cara o barrio de Canido, desde a rúa María a Sol e ata a avenida do Rei. A tipoloxía de actuación será como o da rúa Lugo. O importe de actuación é de 1.512.000 euros.

PUBLICIDADE

Da rúa María a Sol a beirarrúa será con lousa histórica, aparcamento de lastra e calzada de formigón con plataforma única. De Sol á avenida do Rei a beirarrúa será de granito gris bóveda, aparcamento de lastra e calzada de formigón.

Proponse a renovación dos pavimentos de beirarrúas e calzada mediante a incorporación de materiais de calidade acordes coa edificación existente e coa estética das rúas perpendiculares. O obxectivo é dotar aos barrios dun carácter unificado e harmonizado.

Así mesmo, como parte da renovación dos pavimentos, proxéctase a reorganización e mellora das infraestruturas de servizos existentes, o que inclúe a súa substitución e a incorporación de novas canalizacións.

O pavimento das beirarrúas neste tramo proxéctase con laxas de granito gris. Na calzada, o carril de circulación terá un ancho de tres metros e estará executado cunha laxa de formigón armado con acabado pulido, de 25 centímetros de espesor. A zona de aparcamento, situada na marxe esquerda, terá un ancho de 1,90 metros e pavimentarase con lastras de granito recuperados da demolición da rúa. Os pasos de peóns serán elevados e executados con formigón armado negro de 25 centímetros de espesor.

O cruzamento con Doutor Fleming contará cun espazo de estancia con zonas axardinadas e bancos, que separarán as áreas peonís do tráfico rodado. En todo o tramo instalaranse novas luminarias. Durante a realización dalgúns traballos podería ser necesario desviar o tráfico por outras rúas de maneira puntual.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.