O Concello de Neda acolleu a reunión da mesa local de coordinación interinstitucional sobre violencia de xénero. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou no encontro. Nel avaliáronse, entre outros aspectos, as actuacións a desenvolver para mellorar a coordinación neste ámbito.
Aneiros puxo o aceno na importancia destas xuntanzas que agrupan no ámbito municipal políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero. Asemade, reiterou a colaboración do Goberno galego, tanto para intensificar o labor das mesas xa constituídas como a de Neda, como para apoiar a creación de novas en municipios onde aínda non estean constituídas.
As mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero teñen como obxectivo mellorar a detección precoz de casos de violencia de xénero, optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra este tipo de violencia, ofrecer atención e unha resposta áxil ás vítimas, mellorar a súa protección e informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á poboación en xeral.
No transcurso da reunión, a delegada territorial deu conta tamén dalgunhas das medidas recollidas polo Goberno galego nos Orzamentos 2026 en materia de loita contra a violencia de xénero. Así pois, a Xunta inviste nestas políticas preto de 25 millóns de euros.
Aneiros destacou os 4,2 millóns de euros destinados á prestación periódica, unha prestación única en España con estas condicións, que chega a 653 mulleres. Asemade, salientou o aumento de 1,5 millóns de euros da partida para darlle ás vítimas solucións habitacionais. Ademais, o reforzo da Rede Galega de Acollemento, con 1,2 millóns de euros; a posta en marcha dos catro CIMs móbiles, con 4 millóns de euros; ou as partidas que suman 4,4 millóns de euros para a inserción laboral das mulleres.



