PUBLICIDADE

O BNG pide a Naturgy que cumpra o contrato coas obrigas no ferri de Portodemouros

A veciñanza da zona leva sen servizo durante todo mes de outubro.,

Os nacionalistas de Santiso, Arzúa e Vila de Cruces esixen que se respete o acordado no contrato con Naturgy e instan á Xunta de Galiza a poñer solucións enriba da mesa que garantan os dereitos dos veciños de ambas as marxes do encoro e respetando o acordo parlamentar unánime acadado no 2021.

Tal e como explican os nacionalistas da zona nun comunicado o pasado 10 de outubro, ao carón das rampas do ferri que comunica as parroquias de Beigondo (Santiso) e Loño (Vila de Cruces), un grupo de veciños e veciñas afectados pola suspesión do funcionamento da barcaza que comunica ambas as dúas comarcas reuniuse co portavoz do BNG cruceño, Álex Fiúza, e os alcaldes de Santiso e Arzúa, Manoel Adán e Xoán Xesús Carril, acompañados polas parlamentarias nacionalistas adscritas ás comarcas afectadas, Iria Carreira e Ariadna Fernández.

Apuntan que “a xuntanza, motivada pola nova da interrupción durante todo o mes de outubro do servizo do ferri que une as dúas ribeiras do Ulla, reuniu a medio cento de persoas, que de xeito reiterado nos últimos anos levan sufrido cortes no servizo, xerando un grande malestar e prexuízo para a poboación, cuxa mobilidade entre as dúas parroquias se ve severamente minguada. Como resultado do encontro e despois das intervencións dos representantes políticos e de varios veciños e veciñas afectados que trasladaron abertamente as súas queixas, os nacionalistas acadaron o compromiso de presionar na medida do posible dende as distintas institucións para resolver esta eiva”.

PUBLICIDADE

A deputada Ariadna Fernández e Iria Carreira rexistraron sendas iniciativas parlamentares co obxecto de que “a Xunta de Galiza a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade cumpra co acordo ao que xa chegou o seu compañeiro de formación Mini Rivas na cámara, a través do cal conseguiu unha unanimidade que quedou en papel mollado por parte do PP”.

Por outra banda, os alcaldes de Santiso e Arzúa, así coma o grupo do BNG de Vila de Cruces veñen de remitirlle á empresa concesionaria e a Augas de Galicia un escrito onde se solicita que se cumpra coa obriga de manter o funcionamento do servizo da barcaza de xeito permanente, instando a todos os implicados a “tomar as medidas conrrespondentes e deixar de tratar con desleixo a poboación afectada polo encoro”.

Co obxectivo de seguir mantendo á veciñanza informada o BNG manterá nas vindeiras semanas asembleas informativas nas parroquias afectadas, “convocando mobilizacións veciñais de continuar a sufrir este incumprimento que obriga a veciños e veciñas a percorrer media hora de traxecto por falla da barcaza, que os conecta coa outra beira en dez minutos”, apuntan os nacionalistas.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.