O deputado de Deportes, Antonio Leira; o deputado portavoz do Goberno provincial Bernardo Fernández e o alcalde de Santiso, Manuel Adán, asistiron este sábado á inauguración do novo céspede artificial do campo de fútbol do municipio, unha actuación á que se destinou un investimento de 185.648,62 euros.
A Deputación da Coruña aportou o 66% do orzamento, cofinanciando a modernización do terreo de xogo con 123.000 euros, mentres que o importe restante foi asumido polo Concello de Santiso con fondos propios. Esta colaboración quedou plasmada nun convenio asinado o pasado mes de outubro a través do que se instrumentou a subvención.
Antonio Leira resaltou o esforzo da Deputación para colaborar cos municipios na renovación das instalacións municipais. “Para moitos concellos, modernizar e manter equipamentos coma este campo de fútbol supón un esforzo económico practicamente inasumible. E para iso está a Deputación, para axudar a manter unha oferta de servizos á cidadanía de primeiro nivel”.
No mesmo sentido, Bernardo Fernández destacou que a intervención en Santiso permite “dotar dunhas instalacións punteiras aos veciños e veciñas”, impulsando a práctica deportiva nos concellos do rural e garantindo equipamentos públicos de primeiro nivel “en todos os municipios, teñan a poboación que teñan”.
Pola súa banda, Adán agradeceu a colaboración da Deputación para acometer un proxecto de especial importancia. No campo, construído hai 20 anos, xogan e adestran a diario tres equipos de fútbol: un senior, un de veteranos e un feminino. “Precisábamos renovar estas instalacións, que teñen un uso intensivo, para permitir que as nosas e os nosos deportistas poidesen xogar ao fútbol nas mellores condicións”, observou o rexedor.
Os traballos consistiron na retirada do céspede e equipamento deportivo anteriores para remplazalos por un novo terreo de última xeración. Acondicionouse o firme do terreo de xogo para evitar deformacións e garantir unha superficie uniforme. Posteriormente, instaláronse 5.225 metros cadrados de céspede artificial sobre unha base elástica para absorber impactos.
O céspede satisfai os requerimentos de cualidade das categorías FIFA Quality e FIFA Quality Pro, que certifican a súa aptitude para a práctica do fútbol.




