PUBLICIDADE

O Carballiño inaugura parque canino

PorBisbarra

Xoves, 20 Agosto 2026 ,
O Concello do Carballiño investiu 26.500 euros en habilitar o recinto canino no parque municipal.O Concello do Carballiño investiu 26.500 euros en habilitar o recinto canino no parque municipal.

O Concello do Carballiño vén de inaugurar un recinto canino no parque municipal. Trátase dun espazo destinado ao esparexemento canino, delimitado e equipado para os animais de compañía. O investimento total da actuación ascende a 26.573,05 euros.

A concelleira de Medio Ambiente e Termalismo, Elvira Torres, explicou que O Carballiño estaba a dar resposta a unha das demandas máis repetidas pola veciñanza. Co incremento da presenza de mascotas nos fogares, aumentou tamén a necesidade de dispoñer “dun espazo público axeitado para elas”.

PARQUE CANINO DO CARBALLIÑO

O recinto conta cunha superficie aproximada de 1.500 metros cadrados. Foi acondicionado cun peche perimetral, dous accesos e distintos elementos para a actividade dos animais e das persoas responsables deles.

PUBLICIDADE

A edil incidiu na importancia dun uso responsable das instalacións. “Así como ter animais é un dereito, tamén hai unhas obrigas”, sinalou. Neste sentido, pediu a colaboración das persoas usuarias do parque e do conxunto da cidadanía para “respectar e coidar as instalacións”.

Unha das principais características da nova área é a incorporación dunha zona de agility, formada por sete elementos: túnel, valado de salto, anel, balancín, pasarela, porta e slálom. Todos eles están executados con materiais previstos para soportar un uso continuado no exterior, con paneis de polietileno de alta densidade, elementos antivandálicos e antigrafiti e postes de madeira de piñeiro tratados en autoclave.

O novo parque canino do Carballiño conta cunha zona de agility.
O novo parque canino do Carballiño conta cunha zona de agility.

O recinto dispón de dúas fontes, cada unha delas con dous grifos de pulsador, un deles adaptado para mascotas. Tamén se instalaron dúas papeleiras con dispensador de bolsas para a recollida de excrementos caninos. O proxecto inclúe ademais unha dotación inicial de 3.000 bolsas.

A responsable municipal subliñou que o mantemento do espazo dependerá en boa medida do comportamento das persoas que o utilicen. “Nós podemos poñer os medios, as instalacións e todo o mobiliario, pero depende moito da colaboración cidadá que isto siga adiante e se coide”, afirmou.

O equipamento complétase con seis bancos e un cartel informativo para a zona de esparexemento canino. Os bancos contan con estrutura metálica e asento e respaldo de madeira técnica, mentres que o cartel está realizado en panel composite con acabado antigrafiti.

Para delimitar o espazo executáronse 196 metros de peche metálico, cunha altura de 1,5 metros e postes separados 2,5 metros entre si. O recinto dispón de dous accesos, situados nos seus extremos, mediante cancelas dobres.

A actuación incluíu tamén o acondicionamento previo do terreo e a instalación do cerramento mediante paneis de malla electrosoldada galvanizada. Segundo o proxecto, a zona ocupa unha franxa duns 80 metros de lonxitude e entre 13 e 25 metros de ancho dentro do parque municipal.

Sobre o financiamento, Elvira Torres destacou que se trata dunha actuación “participada totalmente polo Concello do Carballiño, desde a Concellería de Medio Ambiente e Termalismo”. Finalmente, enmarcou a iniciativa no esforzo por seguir ampliando os servizos públicos e “facilitar a convivencia”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.