PUBLICIDADE

O CCA Arzúa impulsa o comercio local coa campaña “San Valentín de Entroido”

A campaña “San Valentín de Entroido” pretende fomentar o comercio local en Arzúa durante o mes de febreiro.A campaña “San Valentín de Entroido” pretende fomentar o comercio local en Arzúa durante o mes de febreiro.

A Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa (AECA), a través do Centro Comercial Aberto (CCA) Arzúa, pon en marcha unha nova campaña comercial baixo o lema “San Valentín de Entroido”. Esta iniciativa combina a celebración do Día dos Namorados co espírito do Entroido, co obxectivo de dinamizar o comercio local e a hostalaría durante o mes de febreiro.

A campaña está vixente ata o 17 de febreiro. Inclúe unha ampla programación de actividades dirixidas a todos os públicos que unen compras, lecer, música, tradición e participación cidadá.

Entre as accións salienta o Sorteo de San Valentín. Nel poderán participar todas as persoas que realicen compras superiores a 15 euros nos comercios asociados a AECA entre o 1 e o 14 de febreiro. Os premios inclúen un cocido romántico para dúas persoas, elaborado por chefs de cociña de autor con produtos de proximidade no establecemento Fogar de Lecer Turismo Rural; e unha cesta especial para desfrutar en parella.

PUBLICIDADE

Outra das propostas máis vistosas será “A Ruta dos Mecos”, que terá lugar do 12 ao 17 de febreiro. Durante eses días, os escaparates dos comercios asociados encheranse de mecos decorados con temática de Entroido e San Valentín, convidando á veciñanza e ás persoas visitantes a percorrer o CCA Arzúa e gozar do humor e da creatividade do comercio local.

A campaña tamén presta especial atención ao público infantil co Sorteo “Peque-Entroido”, que se celebrará o venres 13 de febreiro pola tarde. Os nenos e nenas de entre 0 e 14 anos que acudan disfrazados a un comercio asociado poderán participar enviando unha fotografía tomada no interior do establecemento. O premio será un bono de compra valorado en 50 euros, con posibilidade de dobre participación a través das redes sociais.

O programa complétase con actividades de animación na rúa. Un exemplo é a Sesión Vermú de San Valentín, que terá lugar o sábado 14 de febreiro, de 12:30 a 14:00 horas na Praza de Galicia. Contará con música ao vivo a cargo da Banda Willington Mariachi. Outra actividade será o IX Concurso de Disfraces polos Bares Asociados a AECA, que se celebrará o sábado 15 de febreiro a partir das 18:00 horas Neste caso, haberá importantes premios, degustación de tapas de Entroido e ambiente festivo nos locais participantes.

O IX Concurso de Disfraces polos Bares Asociados á Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa repartira 1.000 euros en premios.
O IX Concurso de Disfraces polos Bares Asociados á Asociación de Empresarios da Comarca de Arzúa repartira 1.000 euros en premios.

A campaña conta co apoio da Xunta de Galicia, a través das axudas ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización do comercio local. Tamén conta coa colaboración de empresas de restauración e de distribución locais, que contribúen activamente ao desenvolvemento das diferentes accións e á dotación dos premios.

Desde AECA destacan a importancia desta colaboración público-privada, fundamental para fortalecer o tecido empresarial da comarca e promover iniciativas que xeran actividade económica, participación social e dinamización comercial en Arzúa.

Toda a información e as bases completas dos sorteos e concursos poden consultarse na web www.aecomarcadearzua.com.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.