A Asociación de Empresarias Rurais (ASER) recibiu en Cerceda a unha delegación internacional co obxectivo de explorar novas oportunidades de cooperación para reforzar o tecido empresarial e o emprego local. A delegación foi recibida pola presidenta de ASER, Isolina Raña, e o alcalde cercedés, Juan Manuel Rodríguez. A xornada incluíu unha visita ás instalacións do Grupo Malasa, onde puideron coñecer de primeira man os procesos e a misión desta empresa familiar, referente internacional e provedora de Inditex.
A delegación estivo integrada polos representantes de Finn Church Aid (FCA-Uganda), Diana Berocwiny e Denis Wamimbi. Trátase da maior organización non gubernamental de Finlandia, que traballa a nivel internacional en materia de desenvolvemento económico, formación e emprego.
Contou asemade coa participación de Aída Chávez, de Talent Beyond Boundaries (TBB), unha organización internacional experta en mobilidade laboral de profesionais desprazados/as. Asemade, participou Belén Rodríguez, secretaria xeral da Federación de Escolas Familiares Agrarias (EFA) de Galicia.
Segundo explica a presidenta de ASER, Isolina Raña, “esta visita internacional reforza o noso compromiso coa innovación, o desenvolvemento e o fortalecemento do tecido empresarial da nosa contorna, explorando novas ferramentas que permitan ás empresas locais seguir medrando, xerando emprego e riqueza e asegurando a sustentabilidade do rural”.
Durante o encontro, abordáronse as necesidades actuais das empresas do rural. Especialmente, tratáronse aquelas vencelladas coa dificultade para cubrir vacantes en sectores produtivos clave para o desenvolvemento rural. Neste contexto, presentáronse as posibilidades reais de cooperación para facilitar o acceso cualificado a través de programas de mobilidade laboral internacional, sempre en coordinación coas empresas locais e dentro do marco legal vixente.
PROCESOS SEGUROS DE MOBILIDADE INTERNACIONAL
Talent Beyond Boundaries e Finn Church Aid contan cunha ampla experiencia na conexión entre empresas europeas e profesionais cualificados a través do Proxecto STEP (Skills, Talent and Empowerment through Pathways). Cofinanciado pola Comisión Europea, impulsa vías de mobilidade laboral entre España, Irlanda e Italia, respondendo ás necesidades reais do mercado de traballo e facilitando procesos seguros para as persoas traballadoras.
O Proxecto STEP actúa como unha ponte entre as empresas e o talento dispoñible, ofrecendo apoio técnico nos procesos de selección, acompañamento administrativo e asesoramento ao longo de todo o proceso de incorporación. Para as empresas, isto tradúcese en solucións viables para cubrir postos de difícil cobertura, reducir a rotación das persoas traballadoras e reforzar a competitividade, sobre todo no rural.
ASER continuará desenvolvendo iniciativas como esta visita, co obxectivo de acompañar ás empresas interesadas en coñecer estas oportunidades. Así, motran convencemento en que a cooperación internacional pode converterse nunha aliada estratéxica para o desenvolvemento local.
SOBRE ASER
A Asociación de Empresarias Rurais (ASER) ten como finalidade a promoción e o desenvolvemento da empresa rural e do seu territorio. A entidade naceu en novembro de 2009, para agrupar a empresarias e profesionais pertencentes a moi diversos sectores económicos con actividade no rural galego, que comparten a necesidade de afondar na consecución duns obxectivos comúns.




