PUBLICIDADE

O CET de Barbadás impartiu 14 cursos para 222 persoas no 2024

Os cursos enfocáronse en persoas desempregadas, maiores, mulleres e colectivos en risco de exclusión social.Os cursos enfocáronse en persoas desempregadas, maiores, mulleres e colectivos en risco de exclusión social.

Ao longo do ano 2024, a Área de Formación do Centro de Emprego e Tecnoloxía (CET) Barbadás organizou 14 cursos que beneficiaron a 222 participantes. Esta formación combinou teoría e práctica para mellorar as competencias profesionais.

As actividades formativas enfocáronse principalmente en persoas desempregadas, maiores, mulleres e colectivos en risco de exclusión social. Cunha participación do 53,6% de mulleres, destacouse a súa inserción en sectores tradicionalmente masculinizados. Ademais, apostouse por reducir a fenda dixital na poboación rural mediante programas de aprendizaxe en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios.

Entre os cursos e talleres realizados ao longo do 2024, a administración local salienta o taller ExpertClick e obradoiro de Apps para maiores de 55 anos, dirixidos a mellorar a independencia dixital, ensinando dende a banca online ata o uso de aplicacións móbiles. Así mesmo, o curso de manipulación de alimentos, con tres edicións para cubrir a alta demanda nos sectores de hostalería e alimentación. Asemade, os cursos profesionalizantes, como operador/a de carretilla elevadora e plataforma elevadora, con múltiples edicións pola gran demanda. Finalmente, os cursos de coidados básicos a persoas dependentes e cursos de cociña creativa, apostando pola formación práctica e innovadora.

PUBLICIDADE

CONTINUIDADE NO 2025

As actividades formativas tiveron unha excelente acollida, con listas de espera en varios cursos. Por este motivo, o concelleiro de Promoción Económica, José Manuel Morgade, salienta que continuarán “dando unha formación que lle sirva aos participantes para a mellora do seu desenrolo profesional ou, no caso das persoas desempregadas, que poidan atopar un emprego despois de recibir esta formación”. De feito, segundo o edil, en cursos como os de manexo de carretilla, “a porcentaxe de ocupación aproxímase ao 100%”.

De cara a este ano 2025, a formación impartida polo CET afondará tamén na dixitalizacón e na especialización profesional.

Así pois, Concellería de Promoción Económica, Turismo e Formación do Concello de Barbadás considera que cumpriu amplamente o obxectivo de fomentar a inserción laboral no marco socioeconómico actual. Neste sentido, aseguran que o CET Barbadás consolidouse como un referente na formación orientada ao emprego, destacando pola súa capacidade de adaptación ás necesidades do mercado laboral e pola inclusión de colectivos vulnerables.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.