O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, fixo unha visita ao Concello de Cariño para coñecer de primeira man o resultado da actuación realizada na Nave de Redeiras, na que a Xunta investiu case 40.000 euros. Os traballos consistiron na mellora da iluminación natural do edificio instalando novas fiestras, a renovación da instalación eléctrica e accións relativas ao illamento, limpeza e impermeabilización do recinto.
Alí, o responsable autonómico puxo en valor a mellora da seguridade e condicións de traballo das persoas profesionais do sector pesqueiro. Neste sentido, tildouno como unha liña prioritaria do Plan de Equipamentos Portuarios de Galicia, ao abeiro do cal se executou esta obra.
Asemade, lembrou que as actuacións que se promoven desde a Consellería do Mar nos peiraos autonómicos son froito das propostas e demandas trasladadas polos propios usuarios, que son os que mellor coñecen as necesidades particulares de cada sitio.
O titular de Mar destacou o compromiso de investimento da Xunta con Cariño, citando como exemplo a dragaxe do peirao, cuxos traballos se iniciaron en setembro, e que conta cun orzamento de 600.000 euros. Tamén indicou que nos vindeiros meses executaranse os traballos de renovación das luminarias do porto, substituíndoas por tecnoloxía LED. Nesta actuación Portos de Galicia investirá 90.000 euros. Así mesmo, mencionou a renovación de firmes portuarios, á que se destinarán case 20.000 euros máis.
Alfonso Villares, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, engadiu a estas accións a entrega o pasado ano de 50.000 unidades de semente de ameixa xaponesa ás mariscadoras de Cariño. Esta acción, realizada a través do Centro de Cultivos Mariños (CIMA) de Ribadeo, dependente da Consellería do Mar, pretende seguir afondando na recuperación da actividade extractiva mediante a rexeneración dos principais bancos da zona.




