Dous anos e medio despois de facelo por primeira vez, o Concello de San Sadurniño volve licitar as obras de rehabilitación da antiga escola da Torre. O obxectivo é converter o edificio nun centro sociocomunitario. Neste senso, retómase un proxecto paralizado desde comezos do 2023 por mor do incumprimento do contrato por parte da empresa que inicialmente resultou adxudicataria.
O novo período para presentar ofertas permanecerá aberto ata o 5 de febreiro. No tocante ao orzamento, mantense o licitado en 2022. Trátase dun prezo de saída de 299.850,69 euros, que se custearán nun 80% cunha subvención nominativa da Deputación da Coruña. Segundo os pregos da licitación, o prazo máximo de execución é de tres meses.
O inmoble, situado no lugar da Torre, en Igrexafeita, deixou de funcionar como escola hai xa 30 anos. A principios dos 90 saíron de alí os últimos nenos e nenas que mantiñan activo o grupo escolar. A continuación pasou a ser empregado un tempo pola asociación veciñal Adiante como local de reunión e espazo de distintas actividades. Porén, cando a asociación veciñal mercou e rehabilitou a antiga casa reitoral da parroquia, a vella escola da Torre ficou abandonada.
Trátase dunha edificación de 250 metros cadrados divididos en dous andares. No baixo hai na actualidade dúas grandes aulas, mentres que no superior se encontraban as dúas vivendas para o profesorado.
PROXECTO DE REHABILITACIÓN DA ESCOLA
O proxecto, deseñado pola arquitecta municipal, describe unhas obras de rehabilitación integral para axeitar a escola a un uso sociocomunitario. Os traballos non modificarán a estrutura e consistirán no cambio da envolvente e das fiestras para acadar mellores condicións de illamento térmico, ademais de renovar o interior para que os espazos sexan funcionais e acolledores.

A maiores, instalarase unha rampla lateral e un ascensor para mellorar a accesibilidade. O corpo do ascensor irá polo exterior da fachada para non comer espazo interior e manter o oco da escaleira.
No tocante á mellora da eficiencia enerxética, investirase no illamento, nunha calefacción por aerotermia e un sistema de iluminación led. Finalmente, o pintado, o cambio das carpintarías e a colocación de falsos teitos completan a relación de obras do proxecto.
Toda a intervención está enfocada a unha finalidade sociocomunitaria, para que o edificio poida recuperar a súa función como espazo de xuntanza veciñal. O obxectivo é que a antiga escola poida acoller distintas actividades, sobre todo as relacionadas co apoio a persoas con deterioro cognitivo incipiente e ás súas familias.
“A zona rural da nosa comarca precisa lugares para o encontro veciñal que estean adaptados á realidade demográfica que temos e as súas necesidades”, explica o alcalde, Secundino García Casal. Tras dous anos de atraso, o rexedor confía en que a nova licitación dea “o pulo definitivo para poder poñelo en marcha o antes posible”.




