O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, informou que a Xunta de Goberno local aprobou inicialmente o documento de modificación puntual do PXOM no ámbito do Ponte das Cabras. “Ferrol está crecendo, e o urbanismo debe ser unha oportunidade para contribuír a ese crecemento e dinamizar a economía”, afirmou.
Rey Varela recordou que o primeiro paso que deu o Goberno local para conseguilo foi a aprobación dunha ordenanza para falicitar as licenzas e o segundo, iniciar as modificacións puntuais do planeamento neste ámbito do Bertón, que hoxe se aproba inicialmente, Canido, San Xoán, Mandiá, Covas e Doniños. Isto permitirá seguir crecendo urbanísticamente no rural e no urbano.
“Esta aprobación marca un antes e un despois nesta zona, que está en plena expansión”, asegurou o rexedor.
O ámbito exterior do Plan Parcial PP-3 Ponte das Cabras, aprobado en setembro do ano 1991, experimentou nestas tres últimas décadas unha importante transformación tanto dende o punto de vista do seu nivel de urbanización, como do proceso de integración na estrutura urbana da cidade, consolidado a partir da execución e urbanización do Plan Parcial do Bertón por parte do IGVS e da consolidación do polígono empresarial de A Gándara.
Nestes trinta anos diferentes acontecementos foron dilatando a súa execución, facendo necesario reiniciar un proceso de adaptación e nova redacción do planeamento; á vez que o proceso de urbanización do ámbito se foi incrementando coa posta en servizo do polígono residencial de O Bertón e a mellora das condicións de urbanización no ensanche contiguo.
Así neste mandato, tras o traballo de corporacións anteriores, o Goberno local consegue culminar esta modificación puntual que ten como obxectivo a reclasificación de solo duns terreos situados no contorno da Ponte das Cabras, clasificados actualmente como solo urbanizable a solo urbano non consolidado.
“Esta modificación puntual xustifícase pola necesidade de producir unha ordenación integral nesta peza da cidade”, insistiu o rexedor. Esta zona está consolidada actualmente como un potente eixe de actividades e residencial.
O desenvolvemento do solo urbano non consolidado terá un carácter potenciador da economía local e das actividades existentes no contorno, reforzando e completando este espazo de transición entre o polígono de A Gándara, o polígono público de O Bertón e o desenvolvemento urbano no contorno da estrada de Castela e a rúa Venezuela, favorecendo a integración do polígono do Bertón coa cidade e consolidando o eixe de actividades da avenida Nicasio Pérez.
ÁMBITO AFECTADO
O ámbito da presente modificación configúrase como unha peza territorialmente ben definida entre as prolongacións da estrada de Castela e a avenida da Trincheira, cunha extensión superficial de 76.000 metros cadrados.
Aséntase sobre solos incluídos historicamente ao interior do denominado Ensanche B, delimitado polo Plan Xeral de 1961, nunca executado nin xestionado, así como do seu antecedente o Ensanche A, o que determina que na actualidade non exista sobre el ningún tipo de uso específico máis aló da expectativa da súa posta en valor como solo edificable en desenvolvemento do planeamento actual.
Os seus lindes están ben definidos polas infraestruturas viarias de acceso á cidade; polo sueste limita coa avenida da Trincheira, que o separa do polígono de A Gándara e o polígono residencial do Bertón; polo noroeste coa rúa Venezuela e cuarteiróns, que dan fronte á estrada de Castela; polo sudoeste coa rúa do Bertón, que o relaciona cos últimos desenvolvementos urbanos do Ensanche B e co polígono do Bertón, e polo nordeste coas traseiras consolidadas da rúa de A Gándara.
O espazo afectado atópase parcelado nun total de 99 unidades catastrais. As súas superficies oscilan entre os 8.550 metros cadrados, a da de maior dimensión, e os 18 metros cadrados a da menor. Hai 56 parcelas menores de 500 metros cadrados; 24 entre 500 metros cadrados e 1.000 metros cadrados; 18 entre 1.000 metros cadrados e 5.000 metros cadrados e unha maior de 5.000 metros cadrados.
A modificación supón, tamén, un aumento da edificabilidade no ámbito, que pasa dos 61.873,92 metros cadrados previstos no plan parcial de 1991 a 73.736 metros cadrados. A edificabilidade residencial sube dos 47.677 metros cadrados aos posibles 62.561 metros cadrados. “Trátase doutra oportunidade urbanística de gran importancia para cidade, conseguimos desbloquear este espazo que será fundamental para o futuro que ten O Bertón e A Gándara”, afirmou o alcalde.
Como resultado desta modificación, o ámbito correspondente á modificación puntual divídese en tres polígonos de solo urbano non consolidado. O polígono A denominado avenida da Trincheira, cunha superficie de 27.349 metros cadrados, dispón dunha edificabilidade dun metro cadrado edificable por un metro cada metro cadrado de parcela. No futuro, poderá contar con edificios que terán de altura baixo máis catro plantas, cun uso residencial colectivo (vivendas) e complementario en planta baixa.
O polígono B denominado Camiño do Barbeito conta cunha superficie de 10.745 metros cadrados, dispón dunha edificabilidade de 0,80 metros cadrados edificables por cada metro cadrado de parcela. A edificación permitida é dunha altura máxima de 10 metros, e o uso global terciario-comercial.
E, por último, o polígono C denominado rúa Venezuela ten unha superficie de 34.301 metros cadrados. Dispón dunha edificabilidade dun metro cadrado por cada metro cadrado de parcela. A altura máxima de edificación é baixo máis catro e o uso é residencial e complementario en planta baixa.
Rey Varela avanzou que “o 30% da edificabilidade das vivendas destinarase a vivendas suxeitas a un algún réxime de protección oficial”, polo que complementarase a oferta de vivenda pública levada a cabo pola Xunta de Galicia no Bertón.
Todo o ámbito contará coas correspondentes dotacións de sistemas locais (zonas verdes, espazos libres…) e xerais, árbores, viais e prazas de aparcamento en consonancia cos estándares especificados na lei do solo de Galicia.
Tras a aprobación inicial, o documento someterase a información pública durante un prazo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia.




