O Concello de Melide introduce un cambio no servizo gratuíto de recollida de plásticos agrícolas para facilitarlles a retirada destes materiais aos gandeiros e gandeiras. Ata o de agora, establecíanse unhas datas nas que debían depositar os residuos en puntos habilitados nas parroquias para a súa recollida. Co novo sistema, o camión desprazarase directamente ás explotacións, evitando que teñan que trasladalos ata eses lugares.
Con esta modificación, os gandeiros e gandeiras xa non terán que desprazarse para depositar os plásticos, que deberán estar limpos, apilados e situados nun lugar accesible para o camión. Non se admitirán materiais almacenados en ‘big bags’.
O período para solicitar a recollida ábrese catro veces ao ano, unha frecuencia que xa foi ampliada polo actual equipo de Goberno. Nesta ocasión, o servizo poderá solicitarse entre o 13 de outubro e o 15 de novembro, mentres que a recollida comezará o 20 de novembro e continuará sendo totalmente gratuíta para as explotacións.
As persoas interesadas deberán chamar ao teléfono 981 50 50 03 ou enviar un correo electrónico a comercio@concellodemelide.gal. O horario de atención será de luns a venres, de 9:00 a 15:00 horas.




