PUBLICIDADE

O PP de Padrón pídelle ao Concello a cesión dunha parcela á Xunta de Galicia para construír vivenda pública

Voceiro popular en Padrón, Ángel Rodríguez Conde

O Grupo Municipal do Partido Popular de Padrón presentou unha moción para debater no pleno deste vindeiro mércores na que insta ao goberno local a identificar e poñer a disposición da Xunta de Galicia unha parcela de titularidade municipal para que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas acometa un proxecto de construción de vivendas de promoción pública.

O voceiro popular, Ángel Rodríguez Conde, considera que “o acceso a unha vivenda digna a un prezo asequible converteuse nun dos principais problemas para unha parte da veciñanza de Padrón, sendo a mocidade, as familias con rendas medias e baixas e determinados colectivos en situacións desfavorecidas os que atopan cada vez máis obstáculos para conseguir un fogar onde establecer o seu proxecto de vida”.

Neste contexto, Rodríguez Conde salienta que a Xunta de Galicia está a desenvolver unha política activa de ampliación do parque público de vivenda, cun investimento previsto de 2.000 millóns de euros para alcanzar o obxectivo de 10.000 vivendas públicas no horizonte do ano 2030. “Esta estratexia é unha magnífica oportunidade para que Padrón poida paliar a carencia de oferta residencial a prezos que sexan asumibles polas familias, ben sexa para compralas ou para alugalas”, argumenta o voceiro popular. “Isto xa debería telo feito o goberno local, tal e como fixeron outros concellos do resto de Galicia, pero vese que ao alcalde interésalle máis o enfrontamento coa Xunta que a colaboración. Agora, o único que ten que facer é apoiar a nosa moción e proporcionarlle un solar que cumpra os requisitos técnicos que lle requiran desde a Consellería de Vivenda”, apunta Rodríguez Conde, quen xa aproveitou a súa condición de deputado autonómico para sondear a “boa predisposición” do Goberno galego para asumir o investimento da construción.

PUBLICIDADE

Segundo o voceiro popular, “a fixación de poboación é un dos obxectivos estratéxicos que o Concello de Padrón debe ter sempre presentes e na conxuntura actual do mercado residencial estanse a dar casos de novos traballadores foráneos contratados por empresas locais que teñen dificultades para atopar vivenda en Padrón”. Por iso, cualifica de “incomprensible” que o alcalde, Anxo Rei, estea a incumprir desde hai un ano o seu propio compromiso de convocar aos distintos grupos políticos para expoñer os avances na redacción dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) “que en 2025 anunciaba como de inminente aprobación”. “Hai aproximadamente un ano, Anxo Rei tamén se reuniu coa alcaldesa de Santiago e dixo que ía seguir o seu modelo para regular a proliferación de Vivendas de Uso Turístico, que está a afectar en gran medida á oferta residencial de Padrón, e tampouco volvemos a ter novas dese tema. Só lle interesaba un titular de prensa e unha foto para que parecera que fai o que non fai”, remarcou.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.