O Concello de Rois cederalle á Asociación Amipa a antiga escola unitaria de Sorribas para que poida crear neste edificio municipal un centro de día con dez prazas para persoas con discapacidade. “Trátase dun proxecto moi importante”, dixo o alcalde, Ramón Tojo, “que sae adiante grazas ás xestións do equipo de goberno diante da Consellería de Política Social, que financiará este centro de día”. Na sesión tamén se aprobou a desafectación inicial dun camiño en Ferreiros (Costa) e trasladarlle o pésame da Corporación e de toda a veciñanza á familia do finado profesor Lois Aldegunde.
Esta cesión do local á Asociación Amipa é posible unha vez que o Pleno aprobou por unanimidade na sesión extraordinaria de hoxe que tanto a unitaria de Sorribas como a da Peruca deixen de estar adscritas ao servizo público de educación e queden a disposición do Concello. Esta petición foi aprobada este mesmo mes de maio pola Consellería de Educación a petición do goberno local.
Ramón Tojo explicou que agora o Concello de Rois asinará coa Asociación Amipa “un convenio de cesión da unitaria de Sorribas” para que poidan acometer alí “un proxecto de servizos sociais moi importante”. Trátase dun centro de día destinado a persoas con discapacidade, con capacidade para dez prazas que será financiado pola Consellería de Política Social e xestionado por Amipa de forma complementaria ao centro ocupacional que xa ten na reitoral desta parroquia.
Polo que respecta á antiga unitaria da Peruca, Ramón Tojo explicou que queda a disposición do Concello e que se poderá destinar aos usos que se considere oportuno máis adiante. Na actualidade, este local está sendo utilizado polo Club de pesca deportiva Londra.



