O Concello de Teo, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, proxecta unha xornada de divulgación e posta en valor da Transición Española para o mes de setembro, no Auditorio Municipal da Ramallosa.
A xornada, titulada “Unha mirada desde Teo á transición española”, contará coa participación de Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, conselleiro con José Quiroga Suárez durante o período preautonómico de Galicia e un dos redactores do borrador do Estatuto de Autonomía de Galicia, ademais de deputado no Parlamento de Galicia por Alianza Popular e, despois, polo Partido Popular.
Tamén participará Anxo Varela, xurista pola Universidade de Santiago de Compostela e experto en xustiza constitucional pola Universidade de Castela-A Mancha. Ademais, é profesor na USC e membro do Centro de Estudos de Seguridade (CESEG), onde exerce como analista e coordinador de publicacións.
Un acto que estará presidido pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, e no que tamén participará José Julio Fernández Rodríguez, catedrático de Dereito Constitucional da USC e director do CESEG, e que ten como obxectivo poñer en valor o período da historia contemporánea de España que restaurou a democracia nunha monarquía parlamentaria, logo de deixar atrás o réxime ditatorial do xeneral Francisco Franco.




