PUBLICIDADE
Alfonso Rueda despois do Consello da Xunta de hoxe

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello deu luz verde hoxe ao proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2027, unhas contas que contan con 15.158 millóns de euros, “o que supón un 6,4% máis que este ano” e que inclúen “rebaixas de impostos para as clases medias e con menos recursos, para abaratar a vivenda e facilitar a transmisión da empresa familiar”.

Rueda destacou que, deste xeito, “Galicia aprobará as súas contas, un ano máis, en tempo e forma. O que debería ser norma e non unha excepción para todas as Administracións”. Nesta liña, o presidente lembrou que os orzamentos “son a ferramenta para que calquera Goberno poida facer axeitadamente o seu traballo:  administrar recursos públicos, gobernar e tomar decisións”.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, resaltou que son os orzamentos “máis altos da historia, pero feitos con prudencia e, que por cuarto ano consecutivo, non implicarán endebedamento”. Ademais, salientou que están elaborados tendo en conta as prioridades claras do Goberno autonómico: axudar as familias e as empresas nun contexto de prezos altos, cun novo reforzo dos servizos públicos, con medidas de apoio á competitividade empresarial, cunha aposta continuada en materia de vivenda para cumprir os obxectivos marcados para esta lexislatura e coa oportunidade que supón o Xacobeo 2027, como panca de crecemento da Comunidade.

PUBLICIDADE

O máis relevante no orzamento 2027 é que o incremento de capacidade de gasto se produce con recursos ordinarios na súa totalidade, ao finalizar as achegas europeas do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), e sen ter que recorrer ao endebedamento. En total, para o vindeiro ano o gasto non financeiro medra un 6,4 %, en 918 millóns de euros.

Así mesmo, un ano máis, “a primeira prioridade do Goberno galego é o reforzo do gasto social”, indicou Corgos, cunha achega de 11.343 M€, o que supón un aumento de 756 M€ (un 7,1 %), por riba do que aumentan as contas autonómicas. “É dicir, tres de cada catro euros dos orzamentos de 2027 irán para sanidade, educación ou políticas sociais”, indicou Rueda.

En concreto, destes 756 M€, un total de 359 M€ irán para a sanidade, 239 M€ para educación, 146 M€ para políticas sociais e 12 M€ para emprego.

Desde o ano 2021 o gasto social medrou en máis de 2.800 millóns de euros, case un 33 %.

REBAIXAS DE IMPOSTOS: IRPF, AXD E RELEVO XERACIONAL DE EMPRESAS

Tal e como explicou o conselleiro de Facenda, o rigor na xestión e a solvencia da Comunidade permite ao Goberno galego seguir aliviando, dentro das súas competencias, a carga fiscal de familias e empresas. Así, as contas de 2027 incluirán novas rebaixas de impostos, proba das “finanzas saneadas e solventes” da comunidade.

En primeiro lugar, o presidente anunciou que para aliviar a alza de prezos dos últimos meses, rebaixarase 0,25 puntos os catro primeiros tramos do IRPF, para favorecer especialmente ás rendas medias e baixas. “Queremos dar resposta ao reto que supón a inflación sobre o poder adquisitivo dos galegos e intentar amortiguar o seu impacto”, indicou.

Esta rebaixa, que se fará retroactiva a este mesmo 2026, para que os galegos e galegas xa se poidan beneficiar na vindeira declaración da renda, é a quinta que se aproba do tramo autonómico desde o ano 2014, polo que se reforza a posición de Galicia entre as CC.AA. con mellor tratamento fiscal para rendas medias e baixas.

Así mesmo, mantense a dedución por fillo (de entre 360 a 2.400 euros) e a equiparación das familias de dous fillos (dedución de 250 €), coas numerosas, ás que se lle duplicou a dedución ata os 500 € e 250 € adicionais por cada fillo a maiores. E tamén consolídase no IRPF a rebaixa do 15 %, ata 105 euros por alumno, para gastos en mercar libros de texto e material escolar.

En materia de vivenda, o Goberno galego quere facer compatible incrementar o orzamento con medidas de incentivo fiscal, tanto ao promotor e ao comprador, como ao arrendador e ao arrendatario.

Para fomentar o acceso á vivenda, os orzamentos do vindeiro ano incluirán unha rebaixa en 0,3 puntos da cota do Imposto de Actos Xurídicos Documentados para os trámites notariais (do 1,5 ao 1,2 %), sempre que se trate da primeira vivenda; así como a aprobación dunha dedución do 100 % para as operacións formalizadas de vivenda protexida.

Estas medidas súmanse ás xa existentes, como o incremento do límite do prezo da vivenda ata 240.000 euros, máis 30.000 € por membro da unidade familiar, para poder beneficiarse dos tipos reducidos do ITP-AXD; a dedución no IRPF de 500 € polo arrendamento de vivendas baleiras e outra do 15 % dos gastos de reparacións e conservación para adecuar un inmoble baleiro para destinalo a arrendamento, e as rebaixas fiscais para as familias monoparentais e outros colectivos prioritarios -rendas medias e baixas, menores de 36 anos, familias numerosas e colectivos vulnerables-, que poden adquirir vivendas cunha redución do imposto de transmisións patrimoniais (ITP), o cal pode chegar ata a súa eliminación.

Por outra banda, e co fin de facilitar o relevo xeracional de empresas familiares, os orzamentos incluirán unha nova medida que ten que ver coa sucesión de empresa, cunha ampliación da redución do 99 % deste imposto aos descendentes de ata terceiro grao de afinidade e aos traballadores da empresa “que leven 10 anos na compañía ou cinco na directiva”, indicou Rueda.  Ata agora, só podían beneficiarse desta bonificación os familiares que herdasen a empresa con relación de consanguinidade.

Cómpre lembrar que, no eido familiar, Galicia é xa a Comunidade con mellor tratamento fiscal no Imposto de Sucesións para os familiares directos. Así, o 99,9 % destas herdanzas non tributan (ata 1 M€ exento) e tampouco o fan os primeiros 25.000 euros das herdanzas entre irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados, xenros e noras (dúas de cada tres herdanzas deste tipo tampouco pagan nada).

En definitiva, para 2027 aprobaranse novas rebaixas fiscais selectivas para beneficiar ao conxunto dos galegos, principalmente ás rendas medias e baixas, ademais de consolidar as aprobadas en anos anteriores. Esta medida fixo posible que entre os anos 2020 e 2025 os galegos aforrasen case 2.100 millóns.

VIVENDA

Durante a presentación dos Orzamentos de 2027, o presidente salientou que as contas públicas do vindeiro ano redobran o esforzo da Xunta en materia de vivenda. Nesta liña, resaltou que o Goberno autonómico “duplica a partida para construír vivenda ao pasar dos 163 millóns de euros deste ano aos 326 do vindeiro”.

COMPROMISO COAS UNIVERSIDADES E COAS ADMINSITRACIÓN LOCAIS

Conscientes de que son a administración máis próxima á cidadanía, os recursos para os concellos veranse incrementados de maneira importante, cunha suba do Fondo de Cooperación Local que, por primeira vez, superará a barreira dos 200 millóns de euros (203 M€).

Ademais, o esforzo continuado de reforzar o financiamento cos concellos é moi importante. En total, o vindeiro ano destinaranse ás entidades locais 661 millóns de euros, a cifra máis alta da historia.

En relación ás universidades, hai que subliñar que co vixente Plan de Financiamento 2022-2026, que se prorroga para o 2027, as universidades recibirán un total de 3.124 M€, un 23 % máis que co plan anterior, é dicir, 581 millóns de euros máis.

Se se fai a comparación entre 2026 e 2027 a suba é de 32 M€, polo que as universidades galegas terán o vindeiro ano 582 M€.

O Goberno galego consolida así a estabilidade no financiamento das universidades e, na actualidade, teñen garantido un financiamento de case 1,6 millóns de euros ao día.

APOSTA POR UN SECTOR PRODUTIVO CADA VEZ MÁIS COMPETITIVO

As contas galegas de 2027 apostan tamén por un sector produtivo cada vez máis competitivo, cunha achega de 360 M€, o que supón un incremento do 7,2 % en relación a este ano.

En sete anos duplicouse o investimento en I+D+i. E, no vindeiro 2027 tamén se avanzará na Factoría de Intelixencia Artificial e na posta en marcha do novo Finisterrae IV.

Os orzamentos de 2027 serán os cuartos de xeito consecutivo que non teñen endebedamento, xa que o Goberno galego blindou a solvencia e a sustentabilidade das contas públicas. De feito, a boa evolución dos últimos anos permite anticipar catro anos os obxectivos de ratio débeda/PIB do ano 2030, ao pechar este 2026 cun 13,1  %.

En resumo, as contas do vindeiro ano reflicten o compromiso do Goberno galego cunha Galicia comprometida co aumento da oferta da vivenda; cunha sanidade pública que aposta por unha atención primaria de calidade e pola saúde mental, e co mellor calendario de vacinas; cunha educación pública gratuíta en todas as súas etapas, máis inclusiva e de calidade, que coida dos profesionais que a prestan, cunha formación profesional cada vez máis competitiva e cunha universidade mellor financiada; cunha Galicia que defende a súa cultura, o seu patrimonio e a súa lingua; cunha Galicia que atende e acompaña aos seus maiores, con máis prazas públicas e con mellores centros residenciais, e cunha Galicia aberta, cun sector produtivo competitivo, con máis solo empresarial, mellores infraestruturas e cun pulo á innovación.

Tal e como explicou o presidente, as contas serán presentadas o vindeiro luns no Parlamento para continuar coa súa tramitación e que “estean en vigor o vindeiro 1 de xaneiro”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.