O Concello do Pereiro de Aguiar reforza a seguridade cunha nova furgoneta equipada para a atención de emerxencias. Este vehículo forma parte do reforzo de dotacións impulsado pola Xunta para apoiar o labor dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; participaron na entrega do vehículo, cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Feder de Galicia.
O novo furgón para o GES do Pereiro de Aguiar está valorado en máis de 117.000 euros. Está equipado cun equipo de bomba de alta presión, batelumes, lanzas profesionais, serra sabre, mochilas extintoras, cámara térmica e un kit de material específico para rescates en altura, entre outros elementos.
Segundo o alcalde do Pereiro de Aguiar, Luís Menor, esta incorporación é clave porque “completa a dotación de vehículos e equipamento do GES, asegurando os medios necesarios para responder eficazmente ante calquera situación”. Así mesmo, engadiu, garante un servizo de emerxencias ben equipado para a protección e benestar da veciñanza.
NOVA MOTOBOMBA NO PEREIRO DE AGUIAR
Ademais, pouco antes o Concello do Pereiro de Aguiar recibiu da Consellería do Medio Rural unha motobomba reciclada, pero en perfecto estado, para atender as emerxencias derivadas de incendios forestais. “Así, completamos aínda mais o equipamento e capacidade de resposta do noso municipio”, apuntou o rexedor.
Asemade, Menor lembrou que está previsto que na próxima modificación de créditos da Deputación de Ourense se incorpore unha cantidade para axudar nos gastos de funcionamento de todos os GES da provincia.