PUBLICIDADE

San Sadurniño licita a xestión da Aldea de Verán 2025

San Sadurniño licita a xestión da Aldea de Verán 2025 por un importe máximo de 16.000 euros.San Sadurniño licita a xestión da Aldea de Verán 2025 por un importe máximo de 16.000 euros.

O Concello de San Sadurniño sacou a licitación o procedemento de contratación da empresa que se encargará de levar adiante a Aldea de Verán 2025. Trátase do servizo socioeducativo dirixido a familias con rapazada entre 3 e 12 anos que se desenvolverá nos meses de xullo e agosto. As empresas interesadas poden presentar ata este venres 9 de maio ás 23:59h as súas propostas técnicas e económicas, sobre un máximo económico de 16.000 euros.

As familias deberán agardar ata principios do mes de xuño para solicitar o servizo, que ofertará entre 30 e 35 prazas por quenda.

O prego de prescricións técnicas establece que a adxudicataria deberá proporcionar un servizo educativo e lúdico para nenos e nenas de 3 a 12 anos. As actividades desenvolveranse no ximnasio do CPI de San Sadurniño entre as 8:00 h e as 15:00 h. A programación deberá incluír xogos, obradoiros, dinámicas cooperativas, actividades ao aire libre e propostas centradas na educación emocional, ambiental e en igualdade.

PUBLICIDADE

Un dos requisitos clave é contar cun equipo de traballo formado por persoas con titulación en educación infantil, primaria, animación sociocultural ou similares, ademais de experiencia acreditada en intervención coa infancia. A empresa deberá garantir tamén a cobertura de emerxencias, botica de primeiros auxilios, control de asistencia e unha ratio mínima de atención por número de participantes.

O Concello aplicará criterios de valoración que combian aspectos técnicos e económicos. Ademais do orzamento, atenderase ao número de actividades, a posta en valor dos recursos patrimoniais e culturais da contorna, o fomento da igualdade, o respecto á diversidade, as saídas e excursións, etc.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.