O Pleno do Concello do Pino aprobou este xoves por unanimidade modificar a ordenanza reguladora do prezo público da auga que ratifica a supresión da taxa de saneamento de sumidoiros, como xa anunciara o alcalde no mes de maio, e presenta como novidade que a partir de agora o recibos cobraranse cada dous meses. Na sesión tamén se acordou delegar na Xefatura Provincial de Tráfico as competencias para impor sancións de circulacións nas vías municipais; ratificouse a cesión dunha parcela á Xunta para construír vivenda protexida en Arca e aprobouse o convenio co Concello de Touro para solicitar unha subvención á Consellería de Presidencia de 50.000 euros para arranxar a ponte dos Mogos. A liquidación da Conta Xeral de 2025 deixa un remanente positivo de tesourería de 1,86 millóns de euros.
Os recibos do consumo de auga da traída municipal pasarán a ser bimensuais no Concello do Pino a partir do mes de xullo deste ano, segundo acordou hoxe por unanimidade o Pleno da Corporación ao aprobar a modificación da ordenanza municipal de subministración da auga potable. As taxas de abastecemento manteñen os mesmos prezos que se aplicaron xa no primeiro trimestre, o Pleno si acordou deixar en suspenso a taxa pola depuración e sumidoiros ata que se complete o estudo que permita establecer os custos reais deste servizo. Durante este período o gasto será asumido polas arcas municipais. A taxa de depuración suspéndese con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro deste ano.
O recibo bimensual facilitará a detección precoz de anomalías técnicas e unha localización de perdas de auga de xeito máis áxil, segundo trasladou a empresa concesionaria ao Concello. Ademais, ao facerse a lectura do contador cada dous meses tamén se facilita un consumo responsable da auga e mellora a xestión e o control por parte das persoas usuarias, ao coñecer o consumo que fan con maior asiduidade.
O alcalde, Manuel Taboada, explicou que o consumo real da depuradora é menor que o estimado no estudio económico feito durante 2025. “A idea é deixar que a EDAR estea un ano en funcionamento para coñecer cal é o custo do seu funcionamento e así poder elaborar unha taxa de saneamento e depuración con gastos reais”, asegurou.
Manuel Taboada volveu animar á veciñanza a comunicar ben no concello ou ben nas oficinas da empresa concesionaria calquera anomalía que detecten tanto no servizo de abastecemento de auga coma nos recibos. A modo de exemplo dixo que si unha familia que ten fosa séptica e non está conectada a depuradora, pero se lle pasou o recibo de saneamento e sumidoiros debe notificalo para corrixir ese erro.
Así mesmo, o alcalde explicou que nos vindeiros recibos deste ano se compensará o que se cobrou de máis pola taxa de saneamento a todas as persoas usuarias no recibo do primeiro trimestre deste ano. A primeira compensación farase xa no recibo deste segundo trimestre, “e se fose necesario seguirase aplicando nos vindeiros recibos, que xa serán bimensuais”, engadiu.




