A deputada do Partido Popular de Galicia Carmen Pomar reafirmou hoxe no Parlamento de Galicia o compromiso do PP de Santiago coa creación dun conservatorio de danza na cidade, ao tempo que defendeu que un proxecto desta relevancia debe asentarse nunha planificación rigorosa, baseada en criterios técnicos e na análise da demanda real.
Durante o debate dunha proposición non de lei presentada polo Grupo Socialista, Pomar anunciou a presentación dunha emenda de substitución na que o Grupo Popular propón que a Xunta leve a cabo un estudo de seguimento sobre a demanda de formación regrada en danza no concello de Santiago, co obxectivo de coñecer as necesidades existentes e determinar a resposta máis axeitada.
Na súa intervención, a deputada popular lembrou que a Xunta leva anos traballando da man do propio sector para fortalecer a danza en Galicia. Así, explicou que a través da Axencia Galega das Industrias Culturais constituíuse un grupo de coordinación integrado por profesionais e representantes das artes do movemento co obxectivo de definir unha estratexia compartida que permitise adaptar as políticas culturais ás necesidades reais do sector.
Ese proceso culminou en 2023 coa aprobación do Plan Integral para a Danza de Galicia, elaborado coa participación de compañías, creadoras, festivais, espazos escénicos e demais axentes culturais, que fixa unha folla de ruta composta por 35 medidas estruturadas en catro liñas estratéxicas e dezasete obxectivos para impulsar a produción, a distribución, a profesionalización e a visibilidade da danza galega.
Pomar destacou que ese plan “non é un documento gardado nun caixón”, senón unha estratexia plenamente activa, cun diálogo permanente co sector e cun grao de execución que xa alcanza o 94,28 %, ao terse desenvolvido 33 das 35 medidas previstas. Segundo sinalou, este traballo xa está a contribuír a reforzar a presenza da danza galega en feiras e espazos de referencia tanto nacionais como internacionais.
A deputada tamén lembrou que Galicia conta na actualidade cunha oferta formativa ampla e diversificada, integrada por escolas de danza, conservatorios públicos e centros autorizados privados. En concreto, existen dúas escolas públicas de danza de titularidade municipal, situadas en Oleiros e Ponteceso, dez escolas privadas, dous conservatorios públicos —na Coruña e Lugo— e cinco centros privados autorizados.
Respecto da creación dun novo conservatorio en Santiago, Carmen Pomar insistiu en que o Partido Popular comparte a importancia de seguir reforzando a formación en danza, pero considera que unha decisión desta transcendencia debe sustentarse en criterios obxectivos e técnicos. “A creación dun novo centro debe responder ás necesidades reais do sistema educativo e do sector, e non a intereses municipalistas nin ao calendario electoral”, sinalou.
Neste sentido, advertiu de que a planificación das ensinanzas especializadas require unha visión de conxunto para garantir a sustentabilidade da rede educativa e evitar xerar expectativas que despois non poidan materializarse.
Ao mesmo tempo, lembrou que o propio marco normativo das escolas de danza establece como obxectivos fomentar a formación desde idades temperás, ampliar a oferta educativa, orientar ao alumnado con vocación profesional, favorecer a participación en agrupacións e impulsar actividades abertas á cidadanía, principios que, segundo indicou, xa se están a desenvolver en Galicia.
Pomar tamén puxo en valor o importante esforzo inversor que a Xunta está a realizar nas infraestruturas educativas, cun investimento superior aos 30 millóns de euros en Santiago de Compostela, ao tempo que recoñeceu que o Partido Popular de Santiago coñece de primeira man a reivindicación trasladada por profesionais, familias e colectivos vinculados á danza. “Nós escoitamos esa demanda, compartimos a importancia de seguir fortalecendo a formación artística e queremos darlle unha resposta seria e rigorosa”, asegurou.
Por iso, explicou que a emenda presentada polo Grupo Popular mantén o compromiso co futuro da formación regrada en danza en Santiago e propón que a Xunta realice un estudo específico que permita avaliar a demanda existente e determinar cal é a solución máis axeitada para responder a esa necesidade.
Finalmente, a deputada popular considerou “curioso” que o Goberno municipal de Santiago reclame permanentemente á Xunta novas infraestruturas mentres non promove iniciativas propias, lembrando que concellos como Oleiros ou Ponteceso decidiron crear escolas municipais de danza cos seus propios recursos.
“O compromiso co ensino da danza demóstrase tamén impulsando actuacións desde as administracións locais cando existen competencias para facelo”, concluíu.



