PUBLICIDADE

O Pleno de Frades aproba por unanimidade o POS+ 2025

PorBisbarra

Xoves, 6 Febreiro 2025 , , ,
Último Pleno celebrado no Concello de Frades

O Pleno Municipal do Concello de Frades aprobou por unanimidade a proposta da Alcaldía do Plan Único de Concellos “POS+ 2025”, que destinará 543.917,97 euros a obras e 265.860,22 euros a gasto corrente. O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que “seguimos apostando por tratamento con aglomerado en todas as parroquias, como demostra que 8 dos 10 quilómetros de melloras en pistas municipais e accesos a núcleos de poboación vanse facer en aglomerado”.

Unha cifra que será aínda maior ao rematar este ano 2025 xa que, como sinalou o alcalde de Frades, “se unimos os proxectos pendentes de executar de 2024 e os programas de colaboración da Xunta de Galicia estamos falando doutros 11 quilómetros máis de mellora de pistas, dos que tres serán en aglomerado, 6,5 en zahora e outros 1,5 km en riegos, polo que ao longo deste anos melloraremos o estado de 21 quilómetros da rede viaria municipal en todas as parroquias, 11 deles en aglomerado”.

PROXECTOS DE OBRAS NO POS

PUBLICIDADE

Así, os 273.916,59 euros da achega 2025 será destinado a dous proxectos: “Mellora de accesos ao punto limpo de Frades e outros” (181.496,06 euros) e “Melloras nos accesos na Igrexa (Moar) e outros” (92.420,53 euros). Dous proxectos que inclúen un total de nove actuacións nas distintas parroquias do municipio.

O primeiro dos proxectos inclúe a mellora dos accesos ao punto limpo de Frades (Céltigos) e á localidade de Caboladrón (Mesos), así como melloras no aparcadoiro do CPI de Ponte Carreira (Gafoi). Así mesmo, mellorarase o entronque coa estrada DP-3802 en Aiazo e a pista de O Pazo a Vistalegre (Galegos). O segundo proxecto destínase integramente á mellora de accesos a núcleos, concretamente os de Igrexa (Moar), Quintá (Papucín), Augasantas-Aboi (Céltigos) e Os Loureiros (Vitre).

Así mesmo, aprobouse o Plan Complementario por 270.001,38 euros para dous proxectos: “Mellora da pista de Fondevila ao Cabezo (Abellá) e outros” (163.889,53 euros) e “Pista da Igrexa a Devesa (Aiazo) e outro” (106.111.87 euros). O primeiro proxecto inclúe a mellora dos accesos ás localidades de Taberna (Abellá), á área recreativa Os Pasos (Aiazo), Añá de Meus (Añá), Sibío (Gafoi), Reboredo (Galegos) e Barazón (Moar). Así mesmo, contémplanse melloras nas pistas de Fondevila ao Cabezo e do Castro a Pumariño, ambas as dúas na parroquia de Abellá. Finalmente, o segundo proxecto inclúe melloras en dúas pistas: da Igrexa a Devesa (Aiazo) e do Prazo á AC-524 (Papucín e Abellá).

A sesión plenaria ordinaria do mes de xaneiro, adiada para a inclusión na orde do día do POS+2025, incluíu tamén a aprobación da Conta Xeral do Exercicio 2023.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.