O Concello de Oroso aprobou en pleno extraordinario o Plan de Obras e Servizos (POS), tanto na súa liña ordinaria como na complementaria, que contempla diversas actuacións para a mellora das infraestruturas municipais en diferentes puntos do concello.
Entre as intervencións máis destacadas atópase a construción de varias sendas peonís en Valverde e O Barral (parroquia de Villaromarís), así como a senda que conectará O Cachopal co cruce da Igrexa de Calvente. Ademais, en Sigüeiro levarase a cabo a ampliación do carril bici no Portiño, unha actuación que responde á aposta do goberno local pola mobilidade sostible e a seguridade viaria.
Xunto con estas obras, o POS inclúe importantes actuacións de mellora na rede viaria municipal. Entre elas, a pavimentación e acondicionamento de viarios na Estación da Garga (Trasmonte), Bouzalonga e Vilar de Abaixo (Deixebre), A Bica (Villaromarís), Recouso (Marzoa) e as rüas Lengüelle, do Campo e Practicante en Sigüeiro.
O alcalde de Oroso, Alex Doval, destacou que “este plan de investimentos permitirá seguir mellorando as infraestruturas do noso municipio, garantindo a seguridade dos peóns e condutores, ademais de promover unha mobilidade máis sostible en diferentes puntos do concello”.