
A Festa da Filloa da Pedra, o domingo 16 de febreiro, contará co pregón de Alonso Caxade, música en directo, obradoiros, unha ruta ciclista ou cunha presentación literaria
A XXI Festa da Filloa da Pedra do Concello da Baña terá como cabeza de cartel á formación Fillas de Cassandra, según avanzaron durante a presentación, hoxe na Aula Gastronómica da Praza de Abastos de Santiago, a concelleira de Cultura, Mónica González, e responsable da programación cultural da festa, Emilio Lois. Ademais, asistiron tamén ao acto, entre outros, o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, a concelleira de Santiago, Pilar Lueiro ou Elena López que foi a encargada da elaboración en directo de filloas da pedra.
A Festa da Filloa da Pedra, que se desenvolverá o domingo 16 de febreiro dende ás 09:30 horas coa apertura das portas do pavillón da Baña, no que ao longo do día se poderá visitar o mercadiño de artesanía. Paralelamente, haberá degustacións de filloas da pedra, orella e chourizos, ademais de contar cun polbeiro. Nesta nova edición, un total de 30 pedras estarán a pleno rendemento, xa dende a noite anterior a porta pechada, para surtir de filloas aos asistentes ao prezo de 1 euro a unidade.
Unha Festa da Filloa a prol da práctica deportiva en familia
Ás 10:00 horas, a festa organiza a Ruta Ciclista da Filloa, unha actividade non competitiva que busca fomentar a práctica deportiva en familia e desfrutar dunhas horas diferentes ao redor da gastronomía e da paisaxe bañense. A partir do mediodía, os sons encherás o recinto coa actuación da Escola de Música
Tradicional da Baña, á mesma hora na que comezará o obradoiro de estampado de camisetas.
O pregón da XXI Festa da Filloa da Pedra correrá a cargo do mestre e músico Alonso Caxade á unha da tarde, momento en que se sucederán as actuacións de tardeo co Trío Alborada, 7 Ferrados e Os Carunchos. Ás 17:00 horas, dentro do programa da festa, Xavier Castro Pérez presentará o seu libro Ben mantidos. Historia cultural da Gastronomía Galega.
E como colofón, Fillas de Cassandra subiránse ao escenario, ás 19:30 horas, para poñerlle o broche de ouro esta XXI Festa da Filloa da Pedra que na pasada edición de 2024 participaron arredor de 10.000 persoas e repartíronse máis de 6.000 filloas.
