PUBLICIDADE

O PP de Melide denuncia 53 reparos de intervención por “facturas irregulares e contratos que non cumpren coa legalidade vixente”

PorBisbarra

Xoves, 19 Xuño 2025 , , , , ,
Autor

O Grupo Municipal do Partido Popular de Melide denuncia publicamente “a existencia de 53 reparos formulados pola Intervención Municipal durante o exercicio 2024, derivados de facturas irregulares e contratos tramitados fóra do procedemento legalmente establecido, moitos deles sen a preceptiva fiscalización previa”

A portavoz popular, Dalia García, apunta que a través dun informe elevado ao pleno pola propia interventora municipal, quedou constancia dunha situación que “é cada vez máis preocupante e demostra unha clara deriva na xestión económica do goberno local”.

Engade que, entre as anomalías detectadas figuran incidencias en materia de nóminas, facturación irregular, recoñecementos extraxudiciais de crédito correspondentes a exercicios anteriores, así como certificacións de obra emitidas sen cobertura legal suficiente. Estes feitos motivaron, segundo recolle o informe, a remisión de información ao Tribunal de Contas, co fin de avaliar posibles responsabilidades contables ou financeiras. Está a xerar un desequilibrio financeiro evidente no Concello de Melide e unha vulneración reiterada dos principios de legalidade, control e transparencia na xestión dos recursos públicos”.

PUBLICIDADE

A situación, segundo manifestan dende o grupo popular “a pesar dos reiterados informes desfavorables que ano tras ano advirten destas irregularidades, o goberno municipal segue incumprindo de forma sistemática os principios básicos de legalidade, transparencia e control do gasto público”.

O Partido Popular alerta, ademais, de que esta situación reiterada de incumprimentos e mala xestión económica está a provocar que o Concello de Melide entre nun desequilibrio financeiro preocupante, que podería ter consecuencias negativas para a prestación de servizos públicos e o futuro económico da entidade local.

O PP de Melide esixirá responsabilidades políticas ante un contexto que cualifican de “insostible”, e avanzan que levarán ao pleno as iniciativas necesarias para reclamar transparencia, depuración de responsabilidades e unha xestión rigorosa dos fondos públicos.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.