O Partido Popular de Melide denunciou na mañá de hoxe “unha vez máis, o lamentable estado da auga potable que chega aos fogares do noso municipio. Durante esta mesma mañá, veciños e veciñas alertaron da saída de auga con cor marrón dos grifos, unha situación que, por desgraza, ven producíndose de xeito recorrente nos últimos tempos en diferentes zonas de Melide”.
“Esta realidade, que afecta directamente á saúde pública e á calidade de vida da cidadanía, evidencia unha grave falta de mantemento e investimento por parte do goberno municipal actual, formado polo tripartito Adiante-BNG-PSOE. Desde o PP consideramos inadmisible que dende o Goberno Municipal continúen sen dar solucións reais a un problema tan básico e esencial como o acceso a auga potable en condicións óptimas”, explica Dalia García, portavoz popular.
Os populares esixen ao actual equipo de goberno que “ofreza información clara e inmediata sobre a oriexe destas incidencias, transparencia sobre as analíticas da auga e os posibles riscos para a saúde”. Tamén apunta a que é necesario “un balance detallado das inversións realizadas na rede de abastecemento nos últimos anos e a posta en marcha dun plan urxente para mellorar a calidade da subministración de auga no municipio”.
Din dende o PP de Melide “continuaremos a defender os intereses da veciñanza, denunciando con responsabilidade e firmeza situacións que poñen en risco a saúde e o benestar da poboación“



