PUBLICIDADE

O PP de Melide reclama a apertura das piscinas exteriores da área recreativa de Furelos

PorBisbarra

Xoves, 18 Xuño 2026 , , , ,
Imaxe achegada polos populares do estado actual da área recreativa do río Furelos

O PP de Melide esixe ao goberno local a apertura a inminente das piscinas da área recreativa de Furelos ante a vaga de calor das últimas semanas e a piques de comezar o período vacacional de centos de nenos e nenas do noso Concello.

Os populares lembran que “ante a imposibilidade de empregar a zona de baño do río pola calidade insfuciente das súas augas, aos veciños e visitantes de Melide só lles queda agardar a que o Concello teña a ben poñerse a traballar e abrir as piscinas de Furelos para ter un espazo de lecer no que sofocar as altas temperaturas. Nas últimas semanas vimos como se produciu unha apertura xeralizada das piscinas exteriores en Concellos próximos como Oroso, Ames ou Teo, onde os seus veciños xa desfrutan deste servizo dende hai semanas. Ademais, por se non fora suficiente, o estado xeral da área recreativa a mediados de xuño é francamente lamentable: xardinería descoidada, pontes descolgadas e pechadas, pasamáns completamente rotos e árbores caídas. Preguntámonos a que está agardando o Concello de Melide para poñer a punto a área recreativa de Furelos ou se é que xa directamente renegou deste espazo, despois de que por quinto ano consecutivo a calidade das augas de baño do río sexa insuficiente”, insisten os populares.

Dende o grupo municipal do Partido Popular reclámase “maior celeridade a un goberno local sumido na deixadez máis absoluta que non se preocupa nin das cuestións e dos servizos básicos que poden mellorar a vida dos veciños e veciñas de Melide. A onde irán os nenos e nenas de Melide cando rematen as clases a vindeira semana? Xa estamos fartos de ver o que supuxo o peche da piscina climatizada, que levou a moitas familias a desfrutar deste servizo a outros concellos, e agardamos que non suceda o mesmo coas piscinas exteriores, cousa que poñemos en dúbida vistas as ganas de traballar do Goberno de Pérez…”, apúntase dende o PP de Melide,

PUBLICIDADE

O CONCELLO DE MELIDE ABRIRÁ AS PISCINAS CANDO REMATEN AS OBRAS DE AUGAS DE GALICIA

O equipo de Goberno do Concello de Melide lamenta a “falta de responsabilidade” do PP no que atinxe á seguridade dos usuarios e usuarias da área recreativa de Furelos. O Goberno local sae así ao paso das declaracións feitas polo Grupo Municipal do PP nas que reclaman a apertura “inminente” das piscinas exteriores cando coñecen “ou deberan coñecer” a situación na que se atopa a zona logo das obras que está a realizar Augas de Galicia.

Dende o equipo de goberno apuntan que “o espazo verde que dá acceso ao río, a que se emprega para tomar o sol nas hamacas e a zona de esparexemento atópanse valadas por mor das obras que está a levar a cabo Augas de Galicia”, polo que consideran “o máis prudente e aconsellable” non adiantar a apertura das instalacións anexas.

Ademais disto, unha vez que remate a primeira fase das obras que esta a acometer Augas de Galicia, será preciso acondicionar a zona para o seu uso por parte dos bañistas.

A previsión do Goberno local é que as instalacións poidan abrir ao público a maior brevidade posible, unha vez rematados os traballos de acondicionamento precisos e se cumpran as condicións indispensables de seguridade que permitan que usuarios e usuarias desfruten das piscinas e da zona verde “sen risco algún”.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.