O Concello de Ferrol informa que continúa aberto o prazo de inscrición en tres dos itinerarios de inserción laboral enmarcados no proxecto “Ferrol Emprega +”. Así aínda pode realizarse a inscrición nos cursos de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institución sociais, Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais e Fabricación e montaxe de instalacións de tubaxe industrial.
O prazo manterase aberto ata o comezo de cada itinerario, previsto para despois do verán. Os itinerarios formativos están dirixidos a persoas desempregadas, rexistradas no Servizo Público de Emprego de Galicia, preferentemente pertencentes aos colectivos máis afastados do mercado laboral e empadroadas no termo municipal de Ferrol.
Toda a información sobre o procedemento de inscrición, a documentación necesaria e os requisitos de acceso están dispoñibles na web do proxecto “Ferrol Emprega +” e tamén no tablón de anuncios do Concello de Ferrol.
“Ferrol Emprega +” é un proxecto de formación para o emprego promovido polo Concello de Ferrol, cofinanciado nun 60% polo Fondo Social Europeo Plus 2021-2027, no marco do Programa de Emprego, Educación, Formación e Economía Social – EFESO.




