O Partido Popular de Melide denuncia “o estado lamentable no que se atopan moitas pistas do municipio, con socavóns de grandes dimensións que supoñen un risco evidente para a seguridade viaria”.
Engaden que “a situación chegou a tal punto que, nunha das estradas tivo que colocarse un cono xusto no medio da calzada para advertir da presenza dun bache de gran profundidade. É unha mostra máis do abandono ao que ten sometido o tripartito as infraestruturas básicas de Melide”.
Desde o PP de Melide urxen ao alcalde e ao seu goberno a “actuar de inmediato e a dar explicacións públicas sobre o destino dos cartos municipais. É inadmisible que, tras unha suba desmesurada dos impostos, a situación das pistas sexa cada vez máis dramática. Os veciños pagan máis, pero reciben menos”.
Ademais, os populares advirten que “esta non é unha situación illada. Hai zonas nas que o acceso para ambulancias e vehículos de emerxencia vese seriamente dificultado polo estado das vías. Estamos falando dun problema de seguridade e saúde pública”.
O Partido Popular de Melide esixirá explicacións no próximo pleno e reclamará unha planificación urxente de reparacións e mantemento viario que garanta a seguridade e a mobilidade de todos os veciños do municipio.




