O Concello de Ames vén de anunciar a apertura do prazo de inscrición, dende hoxe e ata o 28 de xullo, para os cursos de natación da quenda de agosto, dunha iniciativa que está a contar este mes con case 80 rapaces participantes
O Concello de Ames vén de anunciar que dende o 14 ata o 28 de xullo está aberto o prazo de inscrición para participar na segunda quenda, a de agosto, dos cursos de natación organizados polo departamento de Deportes para este verán.
Unhas clases que se impanten de luns a venres, nas piscinas descubertas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro. Durante o mes de xullo están participando 79 rapaces e rapazas; 40 no Milladoiro e 39 en Bertamiráns. A iniciativa conta coa colaboración da Deputación da Coruña. As inscricións deben formalizarse a través da plataforma Cronos.
Tanto os cursos de xullo como os do mes de agosto están organizados en función da idade das e dos participantes, polo que ambos manteñen os mesmos horarios. Ás 11:30 horas comezan os rapaces e as rapazas maiores de 9 anos, mentres que ás 12:15 horas é a quenda dos pequenos de 6 a 8 anos. A continuación, ás 13:00 horas, entra na piscina a rapazada de 3 a 5 anos.
Trámites de inscrición nos cursos de natación
Os impresos para facer efectivo o pagamento (autoliquidación) poderá solicitarse nas oficinas de Recadación, de xeito presencial polas mañás. Existen dúas oficinas de Recadación, unha no Milladoiro, na rúa da Viorneira, número 6; e outra en Bertamiráns, na praza da Horta de Abaixo, número 6. Tamén se pode solicitar en horario de tarde os luns e mércores, de 16:15 a 18:30 horas.
Outra opción é facelo a través do correo electrónico ames@canaltributos.com ou chamando ao número de teléfono 981 884 896. No caso de dispor de certificado dixital ou DNI electrónico poderá descargar o documento de pago e aboar o importe a través do enlace da Oficina Virtual Tributaria.
En canto ao prezo dos cursos de Natación de Ames, cada familia deberá abonar 20 euros, reducíndose a 10€ para segundos membros, e a 5€ para terceiros e restantes. Para máis información poden enviar un correo electrónico aos enderezos deportes@concellodeames.gal e deportes.milladoiro@concellodeames.gal ou chamar aos números de teléfono 981 535 940 ou 619 842 504.



